Transportes licita a mellora da accesibilidade da estación do tren de Monforte

Afectará ao edificio de viaxeiros e á Praza da Estación

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, Alcalde de Monforte, ven de anunciar a licitación doutra importante obra de mellora para a cidade. É a relativa á obra que mellorará a accesibilidade da estación de tren de Monforte, unha obra que “é froito do traballo de negociación e xestión que levei a cabo co ADIF ó longo destes últimos anos, e grazas á cal os usuarios da estación de tren de Monforte, así coma os veciños e veciñas da cidade, poderán acceder a mesma a través dunha praza que será totalmente renovada e accesible, e desfrutarán de melloras importantes no edificio de viaxeiros e nos andéns das vías do tren”, salienta Tomé Roca.

O anuncio de licitación foi publicado o xoves 28 de decembro no Boletín Oficial del Estado polo Ministerio de Transportes y Mobilidad Sostenible do Goberno de España, a través do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF).

“Este é un paso definitivo para mellorar sensiblemente a accesibilidade da nosa estación de tren e que se une as importantísimas inversións que o executivo de Pedro Sánchez está levando a cabo na nosa cidade e na nosa provincia, con 546 millóns de euros que están a modernizar a vía Lugo-Monforte-Ourense”, subliñou o alcalde monfortino.

En concreto, Tomé explicou que “as actuacións de mellora proxectadas consistirán na redistribución de locais no edificio de viaxeiros, a renovación e reparación do vestíbulo, a rehabilitación das marquesiñas dos andéns, a modificación das pendentes nas plataformas, a restauración de estación, a renovación de iluminación exterior e interior, e a organización e mellora integral da Praza da Estación, que inclúe a glorieta Pablo Iglesias ata o linde coa rúa Calvo Sotelo, por unha solicitude expresa do Concello de Monforte”.

José Tomé concluíu expresando “a miña dobre satisfacción porque tanto a licitación para a obra da nova Comisaría de Policía, como esta renovación significativa da Estación de Tren, suporán a consecución de dúas infraestruturas esenciais a través das cales imos seguir ofrecendo servizos de calidade a todos os monfortinos e monfortinas”.

O orzamento de contrata desta importante obra ascende a 2.043.844,15€ e o prazo, por procedemento aberto, para a presentación de ofertas será ata as 10:00 h do 17 de xaneiro de 2024. A duración do prazo de execución, unha vez adxudicada, será de 14 meses. Os criterios de adxudicación son: 49%, cualitativos xuízos de valor: 49%, cualitativos fórmulas: 2%. O proxecto contempla importantes actuacións de mellora tanto no edificio de viaxeiros como na Praza da Estación.

En concreto as actuacións de mellora proxectadas consistirán en: redistribución de locais no edificio de viaxeiros, renovación ou reparación de materiais no vestíbulo, rehabilitación das marquesiñas en plataformas, modificación de pendente na plataforma 1, restauración de cerramentos da estación, renovación de iluminación exterior e interior e a organización e mellora da praza.

Para execución dos traballos, dividirase a obra unha fase de traballos previos e acopio de materiais, e tres fases de obra propiamente ditas.