Mos reclama a gratuidade da AP-9 como “solución inmediata á A-55”

A Alcaldesa Nidia Arévalo pediu en Puxeiros rematar coas peaxes na autovía

Mos/PPdeG | O presidente provincial, Luis López, e a senadora e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañados de alcaldes e voceiros populares da comarca, entre eles o rexedor porriñés, Alejandro Lorenzo, e os voceiros de Vigo e Salceda de Caselas, Miguel Martín e Santiago Rodríguez Davila, respectivamente, compareceron esta mañá en Puxeiros ante os medios de comunicación sobre a suba do prezo das peaxes da AP-9.

Neste senso Arévalo lamentaba, nas súas declaracións que “temos dous políticos do BNG en Madrid, un no Congreso e outra no Senado, que o único que fan alí é baleirar escanos cando falan, porque non teñen ningún peso político e porque non son quen de influír en nada. O único que fixo Néstor Rego do BNG por Galicia foi vendela a Pedro Sánchez a cambio de nada. E agora si, agora que vai haber eleccións en Galicia veñen ás cidades, ás vilas e ás aldeas a poñer pancartas electorais, como a que puxeron aquí en Mos na parroquia de Tameiga. Unha pancarta chea de mentiras”.

“Néstor Rego e Carme da Silva o único que fan é mentir, porque é mentira que o BNG conseguira que baixaran os prezos das autopistas en Galicia: e non só non baixaron, senón que subiron, incluso máis que o IPC”, continuou Nidia Arévalo. “As persoas que usamos as autopistas sabemos que subiron máis que nunca. Ir desde Mos a Pontevedra en coche custa 4,60 euros por traxecto e iso que prometían baixadas coas bonificacións polas viaxes no mesmo día” insistiu a alcaldesa mosense.

A rexedora destacou así mesmo que “o único que fixeron os do BNG foi regalar os seus votos ao PSOE e compañía, nun novo goberno de Pedro Sánchez que só busca prexudicar e discriminar a Galicia, sen un plan de mantemento das infraestruturas da rede estatal de estradas (que tanto sufrimos en Mos coa A-55, A-52 e AP-9), entre outros moitos xeitos de ningunear á Comunidade Autónoma galega”. “Os do BNG só veñen a Mos a poñer pancartas e a sacarse fotos”, sentenciou Arévalo facendo referencia á recente visita da senadora do BNG, Carme da Silva, a Sanguiñeda para facer reclamacións sobre o tráfico nas Angustias.

Nidia Arévalo fixo un repaso sobre as necesidades que Mos ten pendentes en viais titularidade e competencia do Ministerio de Transportes, antes Fomento, como a A-55, a A-52, a N-550, a N-120 e a AP-9.

As reclamacións e esixencias ao Ministerio de Transportes (antes Fomento) por parte do Concello de Mos son continuas e históricas, desde fai anos e desde que Nidia Arévalo é alcaldesa de Mos. “Realizáronse infinidade de solicitudes e reunións, fixéronse denuncias e comunicados en Prensa, e ata manifestacións; pero Fomento leva anos desoíndo as nosas reclamacións”, apunta a alcaldesa.

Por todo elo presentarase ao vindeiro Pleno unha moción de reclamación de solucións a Fomento, pero para todas as nesidades de todos os viais da súa titularidade A-55, a A-52, a N-550, a N-120 e a AP-9. Comezando pola reclamación da inmediata gratuidade da peaxe do Porriño da AP-9 como solución para a tan perigosa A-55. E seguindo pola reclamación do óptimo mantemento da autovía máis perigosa de Galicia e de España cun asfaltado integral e reparación.

“A Autovía A-55 Vigo-Porriño é a vía máis perigosa de Galicia e a autovía con máis accidentes de España. Atópase nun estado deplorable, co firme da calzada totalmente destrozado en todo o vial en xeral e ao seu paso por Mos en particular, poñendo en perigo aos 60.000 condutores que utilizan a diario a autovía, entre eles moitos veciños e veciñas de Mos; por iso non podemos continuar nesta situación de deixadez e abandono por parte do Ministerio de Fomento”, declaraba Nidia Arévalo.

Mos acumula solicitudes históricas ao Ministerio de Fomento respecto da A-55 ás que a administración estatal fixo caso omiso. Tales son a construción dunha rotonda na confluencia da AP-9 á A-55 e a propia N-120 de entrada e saída a Mos (Alto de Puxeiros), a rehabilitación de todo o firme da A-55 dende Vigo a Porriño con asfalto fonoabsorbente e antideslizante, a sinalización adecuada e suficiente, o arranxo do paso inferior á altura de A Rans (P.K. 10+000) do que urxe un mantemento adecuado, a limpeza e mantemento do vial de servizo da autovía, repintado de pasos de peóns existentes no vial de servizo da autovía, que se execute tamén en Mos o Plan de Acción contra o Ruido do Ministerio de Transportes, coa implantación de medidas contra o ruido na A-55 e na A-52 en Puxeiros-Tameiga e Cerqueirás e Amieirolongo en Sanguiñeda, etc.

Xa en novembro de 2022 o Concello de Mos aprobara en Pleno a moción do PP de Mos, dirixida ao Ministerio de Transportes para esixirlle o óptimo mantemento e que garanta a seguridade na A-55.