Raíñas e Reis Magos de Oriente no Covelo

As cabalgatas percorreron tódalas parroquias

O Covelo | O Concello de Covelo celebrou unha exitosa cabalgata de Raíñas e Reis de Oriente percorrendo todas as parroquias para chegar ao centro urbano e desfilar ante un numeroso público que as e os agardaba con música e animación na praza Mestre Cerviño.

As tres comitivas reais repartirónse as visitas ás parroquias para que ninguén quedara sen recibir os seus caramelos mentres no centro urbano bateuse un récord de asistencia cun público moi participativo que foi premiado cunha abundante choiva de caramelos sen azucre. As súas maxestades as Raíñas e Reis de Oriente paráronse a saudar nos negocios de hostalaría, nas prazas e nas casas e centros culturais.

Unha vez no centro urbano desfilaron arroupados polas veciñas e veciños para logo visitar ás persoas maiores da residencia e compartir intres de ilusión. As súas Maxestades sumáronse á festa que tiña lugar no pavillón municipal para repartir os agasallos doces entre a infancia. Zancudos, pista americanda, inchables, batalla de bolas xigantes e música foron os ingredientes desta merenda na que non faltou o chocolate quente con rosca.

O Concello de Covelo, a través do seu alcalde Pablo Castillo, quere agradecer o traballo do grupo de voluntariado e das e dos traballadores municipais que fixeron posible esta actividade e salienta a alta participación da veciñanza á que tamén traslada os seus parabéns pola ilusión amosada e pola súa colaboración. “Queremos dar as grazas tanto ás persoas que traballaron nestes meses para vivir este momento tan máxico como agardado pero tamén á veciñanza porque sen a súa participación non tivera sido posible unha festa como a que vivimos”.