Monforte terá nova Comisaría da Policía Nacional

Estará rematada en 2025 cun orzamento de contrata de case catro millóns de euros

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, salienta que “hoxe é un día histórico para a cidade de Monforte e para os monfortinos e monfortinas, porque se inicia o proceso de licitación das obras que farán que a cidade conte por primeira vez con un edificio propio para a Comisaría da Policía Nacional, que albergará a todos os seus efectivos, e que mellorará sen dúbida a atención que prestan ós nosos cidadáns” .

O rexedor monfortino informa que o anuncio de licitación desta obra histórica para Monforte de Lemos ven de ser publicado o xoves 28 de decembro no Boletín Oficial del Estado polo Ministerio del Interior do Goberno de España.

Este é un paso definitivo para que a antiga Casa de Socorro, coñecida coma o Centro de Sanidade, albergue as novas instalacións desta comisaría, un logro que é froito do empeño do alcalde que dende o principio do seu mandato traballou e fixo as xestións necesarias para que a nova Comisaría de Policía se instalase nesta nova ubicación da cidade.

No mes de maio de 2022, o goberno de José Tomé concedera a licencia de obra para iniciar os traballos de construción da nova Comisaría da Policía Nacional en Monforte, logo do informe favorable que os técnicos municipais levaron a cabo sobre o proxecto da nova comisaría presentado pola Dirección Xeral da Policía Nacional así como pola inspectora xefa de Monforte, proxecto sobre o cal foi publicada a devandita licitación.

O orzamento de contrata desta importante obra ascende a 3.880.587,59 euros e o prazo, por procedemento aberto simplificado, para a presentación de ofertas será ata as 9:00 h do 19 de xaneiro de 2024. A duración do contrato será de 13 meses.

O alcalde amosa a súa satisfacción “porque seguimos dando pasos firmes para seguir mellorando o noso Concello, neste caso, para que a Comisaría da Policía Nacional de Monforte conte cunhas novas instalacións, modernas, funcionais e ó servizo dos veciños e das veciñas, en definitiva, que conte cunha sede propia, que estou seguro de que afianzará a presencia da Policía Nacional no noso concello e ademais Monforte conta cunha nova dotación. Así que estamos todos de noraboa, todos os veciños e veciñas de Monforte.”