BNG e PP de Mos enfróntanse polos accesos directos á A-55

A visita da senadora nacionalista Carme Da Silva provocou reaccións inmediatas no PP local

Mos/BNG/PPdeG | A senadora do BNG, Carme Da Silva, visitou esta mañá a zona de Angustias-Costilleta en Sanguiñeda (Mos) acompañada de concelleiros de Mos e Porriño, responsábeis locais e comarcais do Condado e Vigo, para poñer de manifesto os problemas de tráfico que rexistra a zona debido á confluencia de varias autovías e estradas sen os pertinentes accesos e a concentración de áreas comerciais que non foron precedidas dunha axeitada planificación viaria.

A senadora do BNG sinalou que os concellos de Mos e Porriño “levan décadas  padecendo a presión e o impacto urbano, acústico e ambiental por estar atravesados por varias autovías e estradas estatais que na zona debuxan unha paisaxe desordenada de vías que conflúen sen os adecuados accesos e enlaces”. Lembra que no mesmo espazo concéntranse a A-55, A-52, N-550 e N-120, que “sumado ao incremento do tráfico derivado da concentración de centros comerciais, causa constantes conxestións e problemas de tráfico”.

Carme Da Silva presentou hoxe mesmo no Senado unha pregunta parlamentar e unha moción dirixida ao Ministerio de Transportes para trasladar esta problemática e propoñer solucións.

“Non é un simple problema de tráfico senón de calidade de vida”
Por un lado, plantexa ao Ministerio a elaboración dun estudo, en colaboración cos concellos de Mos e Porriño, para analizar o tráfico na área de Angustias-Costilleta en Sanguiñeda (Mos) co obxectivo de adoptar as medidas necesarias para mellorar a fluidez do tráfico e rebaixar a alta presión e saturación de tráfico que se rexistra nesta área.

E en segundo termo, empraza ao Ministerio a aprobar a construción de dous enlaces: un acceso directo á A-55 desde a N-550 á altura de Amieirolongo (Mos) e unha enlace directo desde a parroquia de Torneiros (O Porriño) á A-55 á altura da saída 17 para acceder á AP-9. Explica Da Silva que no municipio de Mos, lindando con Porriño, sitúanse sete grandes superficies comerciais nun espazo dun quilómetro, e unha rotonda coñecida como a Costilleta, onde se producen entradas e saídas a A-52, A-55, ademais da N-120 cara a rúa Progreso.

Uns 250 metros antes, desemboca o tráfico da N-550 na N-120, o que provoca unha grande saturación de tráfico, tanto para entrar e saír ás autovías como para circular con normalidade entre ambos municipios.

“O incremento do volume de tráfico e os atascos converteron a circulación nun auténtico pesadelo para os habitantes dás Angustias – Sanguiñeda, Avenida de Galicia, Ramiráns e Progreso”.

PP: “Lamentable lavado de cara dos nacionalistas na Louriña”
O Partido Popular de Mos, concretamente o seu voceiro e segundo tenente de alcaldesa mosense, Leo Costas, pronunciouse hoxe sobre a visita da senadora nacionalista, Carme da Silva, a Sanguiñeda para reclamar solucións para o tráfico na zona.

Os populares de Mos lamentan que un partido que apoia a Pedro Sánchez para que sexa presidente dun goberno central responsable da deixadez no mantemento das infraestruturas da zona que provocan os problemas de tráfico, veña a facer un lavado de cara ante a comarca da Louriña coa visita da senadora. “É lamentable e debería darlles vergoña”, apunta Costas.

Ademais desde o PP consideran escasa a reclamación dos nacionalistas “pois son moitas máis as necesidades que temos pendentes en viais titularidade e competencia do Ministerio de Transportes, antes Fomento, e que afectan ao noso Concello como a A-55, a A-52, a N-550, a N-120 e a AP-9” advirten desde o PP mosense lamentando o descoñecemento e a pouca amplitude de miras demostrada desde o BNG.

Deste xeito Costas lembra que “as reclamacións e esixencias ao Ministerio de Transportes (antes Fomento) por parte do Concello de Mos son continuas e históricas, desde fai anos e desde que Nidia Arévalo é alcaldesa de Mos. Realizáronse infinidade de solicitudes e reunións, independentemente da cor política do goberno central, fixéronse denuncias e comunicados en Prensa, e ata manifestacións; pero Fomento leva anos desoíndo as nosas reclamacións”.

Así desde o PP de Mos avanzan que presentarán ao vindeiro Pleno unha moción de reclamación de solucións a Fomento, pero para todas as nesidades de todos os viais da súa titularidade A-55, a A-52, a N-550, a N-120 e a AP-9. Comezando pola reclamación da inmediata gratuidade da peaxe do Porriño da AP-9 como solución para a tan perigosa A-55.

E seguindo pola reclamación do óptimo mantemento da autovía máis perigosa de Galicia e de España cun asfaltado integral e reparación.

Cómpre lembrar que neste senso o Partido Popular xa presentou varias mocións e proposicións non de Lei no Parlamento Galego, instando ao goberno central e solicitando a mellora integral da autovía e o seu óptimo mantemento.

Mos acumula solicitudes históricas ao Ministerio de Fomento respecto da A-55 ás que a administración estatal fixo caso omiso. Tales son a construción dunha rotonda na confluencia da AP-9 á A-55 e a propia N-120 de entrada e saída a Mos (Alto de Puxeiros), a rehabilitación de todo o firme da A-55 dende Vigo a Porriño con asfalto fonoabsorbente e antideslizante, a sinalización adecuada e suficiente, o arranxo do paso inferior á altura de A Rans (P.K. 10+000) do que urxe un mantemento adecuado, a limpeza e mantemento do vial de servizo da autovía, repintado de pasos de peóns existentes no vial de servizo da autovía, etc.

Xa en novembro de 2022 o Concello de Mos aprobou en Pleno a moción do PP de Mos, dirixida ao Ministerio de Transportes para esixirlle o óptimo mantemento e que garanta a seguridade na A-55.

“A Autovía A-55 Vigo-Porriño é a vía máis perigosa de Galicia e a autovía con máis accidentes de España. Atópase nun estado deplorable, co firme da calzada totalmente destrozado en todo o vial en xeral e ao seu paso por Mos en particular, poñendo en perigo aos 60.000 condutores que utilizan a diario a autovía, entre eles moitos veciños e veciñas de Mos; por iso non podemos continuar nesta situación de deixadez e abandono por parte do Ministerio de Fomento”, declaraba entón Nidia Arévalo.

Na moción aprobada en Pleno pedíase ademáis que “Fomento nos escoite”, e que todos os proxectos pendentes no municipio dependentes dese Ministerio se leven por fin a cabo. Entre eles que se execute tamén en Mos o Plan de Acción contra o Ruido do Ministerio de Transportes, coa implantación de medidas contra o ruido na A-55 e na A-52 en Puxeiros-Tameiga e Cerqueirás e Amieirolongo en Sanguiñeda.

Ademais a moción incluía varios acordos nos que se instaba ao Ministerio de Transportes (antes Fomento) á gratuidade da peaxe de Porriño da AP-9, xa que é a solución máis rápida e inmediata para evitar e reducir a siniestralidade, e que se desvíe o tráfico da tan perigosa A-55, liberalizalizando a peaxe de Porriño da AP-9. E ao mantemento en óptimo estado das condicións da A-55.

Agora, os populares de Mos traballan nunha nova moción para lembrar e actualizar todas estas necesidades ante Fomento, esperando que dunha vez por todas desde o goberno central se escoite a Mos e se dea resposta ás súas demandas.