Xunta de Galicia conmemora o 80 aniversario do Arquivo Histórico Provincial de Ourense

Salienta a profesionalidade de Xesús Ferro Couselo, Olga Gallego, Elisa Fernández–Pousa e Pablo Sánchez Ferro

Ourense | O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no acto conmemorativo do 80 aniversario do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, que definiu como “unha das institucións culturais máis relevantes de Galicia, ademais de ser un dos arquivos provincias máis salientables do Estado, cunha riqueza que abrangue fondos que se remontan ata o ano 974”, destacou.

O representante do Goberno galego lembrou o papel da intelectualidade ourensá na constitución deste arquivo, pola que loitaron persoeiros como o profesor e historiador Marcelo Macías, os escritores e políticos Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco ou Juan Fernández Xesta, facultativo de arquivos, bibliotecas e museos. “Os seus esforzos tiveron resultado finalmente en 1943, grazas ao impulso definitivo de Xesús Ferro Couselo, historiador e arquiveiro, que exerceu como primeiro director deste centro”, explicou.

O traballo de Ferro Couselo á fronte desta institución foi o inicio dun labor colectivo, sustentado na profesionalidade das diferentes persoas que ocuparon a dirección do centro, “como a insigne arquiveira Olga Gallego, de quen a semana pasada celebramos o centenario do seu nacemento; Elisa Fernández-Pousa Suárez, quen a sucedeu e ocupou o cargo ata 2005, ou o actual director, Pablo Sánchez Ferro”, salientou.

O director xeral fixo fincapé na dedicación de todos os traballadores que pasaron polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense. “É o seu traballo e o de todas as persoas que forman hoxe parte do plantel o que sitúa hoxe a este centro como é hoxe unha institución cultural referente en Galicia”, rematou. A conmemoración completouse cunha unha visita guiada polo director ás dependencias principais e os depósitos, espazo que normalmente está restrinxido ao público en xeral.