Bruxelas acollerá a primeira edición do festival EmigraSon

O evento busca visibilizar a cultura galega entre a diáspora en Bélxica

Aldea Global | O festival EmigraSon nace co propósito de “colaborar coa difusión da galeguidade tamén en Bruxelas”, tal e como sinala o eurodeputado socialista Nicolás González Casares, impulsor desta iniciativa xunto á eurodeputada Ana Miranda (BNG) e a asociación belga Couto Mixto, que reúne a boa parte do colectivo emigrante galego e leva anos comprometida coa difusión da cultura da nosa terra.

Nesta fin de semana, o festival EmigraSon colocará os piares deste novo espazo de intercambio cultural para a comunidade galega afincada en Bruxelas. As actividades arrancarán o venres da man dos lalinenses Benxamín Otero Otero e Celso Fernández Sanmartín.

O Instituto Cervantes acollerá o seu espectáculo de oralidade e música, No tempo dun café, ás 17:00 horas. A participación dezá neste encontro continuará á noite co grupo Xirandola como mestre de cerimonias na foliada que se celebrará a partires das 20:45 horas no Bar Kamea. En canto ao sábado, das 16:00 horas en diante, na Salle Embassy bailarase ao ritmo da Familia Caamagno, The Rapants, Fillas de Cassandra, Berto e Filloas.

“Agradecer aos promotores, xente nova de Galicia que non se esquece dela, a oportunidade de colaborar e a todos e todas os artistas que van vir á capital europea. Imos estar á altura”, afirma o eurodeputado socialista.