Arbo solicita subvención de eficiencia enerxética

Para a mellora da iluminación pública nas parroquias de Cabeiras e Godón

Arbo | O Concello de Arbo, solicita unha achega a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, para a “Mellora da eficiencia enerxética na iluminación pública de Cabeiras e no barrio de Godón na parroquia de Arbo.

A iluminación pública é un servizo imprescindible que permite dotar das condicións necesarias de visibilidade aos peóns e condutores de vehículos, para garantir a súa seguridade e a dos bens da contorna, ademais de dotar dun ambiente visual nocturno agradable á vida cidadá.

Por outra banda, a iluminación pública representa para o concello de Arbo, unha porcentaxe importante do consumo eléctrico total dos servizos municipais. Conscientes diso, o Concello de Arbo, ven desenvolvendo nos últimos anos diversas iniciativas para a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de iluminación pública, que se adecuen aos novos documentos como o Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética 2008-2011 e o máis recente Real Decreto 1890/2008, do 14 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior e as súas Instrucións técnicas complementarias EA-01 a EA-07.

É para o concello, de urxente necesidade mellorar a iluminación pública de todo o concello co fin de adecuar os niveis lumínicos aos novos regulamentos, así como reducir o consumo enerxético, tendo en conta do problema ambiental que supón o malgasto de enerxía.

O concello encarga un proxecto, que avalíe o estado actual das luminarias e os seus niveis lumínicos, e ao mesmo tempo, que as novas lámpadas a instalar supoñan unha mellora na eficiencia enerxética da iluminación, de forma que se poida reducir o seu consumo enerxético e mellórese o fluxo lumínico.

Por tanto, os cambios nas luminarias van dirixidos a conseguir un considerable aforro enerxético, cunha considerable mellora da eficiencia enerxética, e unha mellora da iluminación e as luminarias que se atopan moi deterioradas, así como os cadros eléctricos.

O Proxecto da iluminación de Cabeiras con un orzamento de 39.944,79 €.- inclúe distintas actuacións na instalación existente: A substitución das lámpadas de vapor de sodio de alta presión en poste de formigón ou aloxadas en luminarias clásicas de tipo fernandina, por grupos ópticos de maior eficiencia e tecnoloxía LED.

A instalación dun novo cadro de mando, protección e medida, que incorpore un sistema de control da instalación das novas luminarias. Ademais, cambiaranse a caixa portafusibles, os fusibles e o brazo (0.8 metros) debido á deterioración que presenta o mesmo nas luminarias aloxadas en poste de formigón.

O Proxecto da iluminación de Godon con un orzamento de 31.738,52€.- inclúe distintas actuacións na instalación existente:

• Adecuar os niveis de iluminación ás necesidades visuais da vía durante as horas nocturnas.
• Mellorar a eficiencia e o aforro enerxético, coa consecuente diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro.
• Limitar o resplandor luminoso nocturno e a luz intrusa ou molesta.
• Reducir os gastos derivados do consumo eléctrico e do mantemento das instalacións.