Nidia Arévalo presentou a súa candidatura para a reelección en Mos

Acompañada do presidente do PP español, Alberto Núñez Feijóo

Mos/PPdeG | O pazo de Mos acolleu hoxe un multitudinario acto de precampaña en apoio á candidata á alcaldía deste municipio, polo Partido Popular, Nidia Arévalo. O evento contou coa presenza do presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, que a arroupou en presenza de mil persoas asistentes. Arévalo agradeceu a asistencia do presidente do Partido Popular, en Mos, polo “teu respaldo e apoio recibido sempre e porque sempre dixeches si a Mos”.

Arévalo aludiu durante a súa intervención á transformación experimentada no municipio desde que chegou á alcaldía: “Antes, Mos era un municipio case descoñecido, un anaco de autovía que daba servizo a Vigo, unha entrada pola que pasar”, lembrou. Nestes anos, -explicou a candidata- “Mos conta con grandes proxectos que sitúan a este municipio de 15.000 habitantes ao mesmo nivel que outras grandes urbes pola magnitude das iniciativas, tanto públicas como privadas, que atrae”.

Sobre estas novas infraestruturas, Arévalo resaltou “o proxecto socio sanitario de O Rebullón -recentemente presentado- que pon a Mos na vangarda neste eido, e Galicia Sport 360, do RC Celta, que situará a este municipio nun referente internacional dando continuidade á Cidade Deportiva Afouteza, e xerará 200 novos postos de traballo”, convertendo a Mos nun “territorio de oportunidades”, recalcou.

A actual alcaldesa e candidata á alcaldía tamén se referiu á vivenda protexida proxectada no concello, as humanizacións de diferentes parroquias, aos servizos ás familias, á atención aos nenos, aos maiores e o seu compromiso e defensa cos dereitos da mulleres.

Para os vindeiros anos, subliñou Arévalo, “comprométome hoxe a seguir transformando, mellorando e modernizando Mos, seguir reclamando onde faga falla o que Mos e os seus veciños necesitan e merecen, e seguir denunciando tamén as inxustizas e “olvidos” do goberno central con Mos, como dar unha solución á alta sinistralidade da A-55, considerada a estrada máis perigosa de España”.  O “Mos entre todos” que propón a candidata significa seguir “unha folla de ruta que quero levar a cabo nos vindeiros anos. Miro cara atrás e xa son 15 anos de alcaldesa. Iso só me da más solidez, máis forza, máis confianza para seguir traballando”.

No acto, ademais de Arévalo, interviñeron Alberto Núñez Feijóo e o presidente do PP provincial Luís López, “Lugués”. Entre os asistentes ao acto desta tarde tamén se atopaban os conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña; de Medio Rural, José González; de Política Social, Fabiola García, de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, así como Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, ou a ex ministra Ana Pastor.