Non existe o dereito á ignorancia.

Unha enfermeira andaluza criticou nun seu video na rede social Tik Tok a obriga de validar un nível mínimo de catalán para seguer a traballar na sanidade pública catalá (“el puto C1 lo va a quitar mi madre”, dixo cun aceno pavero).

A mesma persoa xa criticara nun vídeo anterior o suposto costume que-disque-temos os galegos de respostar en galego ás persoas que nos preguntan en castelán, polo que semella ter fondos prexuízos a respecto das línguas e culturas propias das nacionalidades. O vídeo fíxose viral e a súa protagonista, preocupada polo balbordo social que xerou pola súa imprudencia, pediu a baixa laboral por ansiedade.

Este desaquelado incidente xurde da falla de respecto polos feitos diferenciais catalán, galego ou vasco sementado ao longo de moitos anos pola escola, media e discurso dominante no conxunto do Estado español. E, malia o seu carácter de anécdota, xa está a ser aproveitado polos supremacistas de quenda para reclamar a supresión da esixencia do coñecemento de toda língua distinta do castelán para o acceso a calquera emprego público nos territorios onde esa língua sexa oficial. É dicir, reclamando un inexistente dereito á ignorancia que inviabilice o noso dereito de usarmos o galego na nosa vida cotiá.

“Ser empregado público na Galicia ou en Catalunya sen amosar interese por coñecer a língua dese território (…) amosa unha evidente falla de empatía”

Ser empregado público na Galicia ou en Catalunya sen amosar interese por coñecer a língua dese território –que falan millóns de persoas e constitúe a primeira língua de moitas delas– amosa unha evidente falla de empatía, que se fai nomeadamente grave cando o empregado público é sanitario e, xa que logo, precisa do mellor grao de comunicación.

Falla de empatía que xurde desa falla de respecto pola nosa identidade e da que non son culpábeis nin esta muller nin os millóns de cidadáns españois que pensan e falan en termos semellantes, senón o mainstream que transmiten os políticos dos partidos unionistas, os altos funcionarios da Administración Central do Estado e os devanditos media de Madrid que se alcuman a si propios como “nacionais”.

Velaí que cumpra unha actitude ferreña contra estes supremacistas que tentan impór o seu marco argumentario para reivindicarmos o dereito a sermos atendidos en galego nos servizos públicos todos. Para lembrarlles a todas estas persoas o dereito de vivirmos en galego e máis a grande conveniência, em realidade a necesidade, do coñecemento do galego para calquera persoa que, na Galicia, atenda ao público.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.