Ponteareas celebra o Día Internacional da Lingua Materna

Animando a transmitir o galego ás novas xeracións

Ponteareas | Co gallo do Día Internacional da Lingua Materna, o Concello de Ponteareas quere convidar aos novos pais e nais a transmitir o galego ás novas xeracións dende o berce.

A concellaría de Lingua, dirixida por Fernando Groba, enviou unha carta convidando ás familias a formar parte activa desa herdanza tan prezada, única e útil que posúen galegos e galegas: o seu idioma. “Como galegos e galegas, temos unha lingua propia que nos chegou, na inmensa maioría dos casos, a través das nosas nais e pais”, salienta o concelleiro.

Ademais, para celebrar o Día Internacional da Lingua Materna, este ano o Concello de Ponteareas porá en marcha unha nova actividade dirixida especialmente a nenos e nenas e ás súas familias.

Para que non coincida en plena celebración do Entroido, o vindeiro luns 27 de febreiro organizará unha nova sesión do programa Apego, que busca “fomentar o mantemento da transmisión xeracional e a creación de ámbitos de uso da lingua galega para nenos e nenas de 0 a 6 anos e nos que se fomenta o uso entre as familias”.

A actividade estará protagonizada por un contacontos sensorial destinado a bebés e persoas adultas acompañantes con ganas de compartir unha experiencia feliz da man das palabras, as emocións que as acompañan, as cancións, a lectura, os libros… “Todo acompañado de obxectos manipulábeis para chamara a atención deste público inquieto e, á vez, ávido de experimentar, de gozar, xunto aos seus seres queridos”, destaca Groba.

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase cada 21 de febreiro dende o ano 2002 co obxectivo de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.