Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas

Oferta formativa para orientar o futuro laboral da mocidade da comarca

Ponteareas | O Concello de Ponteareas abriu este martes as portas da quinta edición da Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas, un evento pioneiro que converte á vila nun grande escaparate educativo “co que rapazas e rapaces da vila e da comarca terán nun mesmo espazo a ampla oferta formativa que teñen ao seu alcance, favorecendo unha reflexión sobre o seu futuro e o seu devir profesional”, como explicou durante a inauguración a alcaldesa, Cristina Fernández.

“O futuro educativo e profesional das mozas e mozos é unha cuestión que nos preocupa moito como Goberno municipal. Como alcaldesa, pero sobre todo como concelleira de Ensino dende 2015, foi unha prioridade que o noso alumnado poida ter acceso á maior e á mellor información posíbel sobre as distintas saídas formativas, algunhas delas descoñecidas ou descartadas sistematicamente polas persoas adultas”, recalcou a rexedora.

O acto inaugural contou tamén coa presenza do xefe territorial de Educación da Xunta, César Pérez Ares; Manuel Torres, Inspector Xefe de Educación en Pontevedra; Fernando Carrasco, inspector de zona; Rosalía Polo, inspectora do Conservatorio Municipal; así como membros do Goberno local.

Durante dous días, centos de rapaces e rapazas, así como familias, pasarán por un dos eventos máis importantes para o alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato dos institutos de Ponteareas e da contorna, “unha gran mostra que pode incidir nas decisións a tomar nun futuro próximo polo público que pase estes días polo pavillón”.

“Unha feira que complementa o gran labor realizado polos equipos de orientación dos centros educativos, que achegan apoio e información durante todo o ano con distintas accións, charlas, entrevistas ou buscando datos concreto á demanda sobre estudos solicitados polo alumnado”, destacou Fernández Davila.

As autoridades realizaron unha visita a cada un dos stands dos 20 centros educativos presentes na Feira, conformando un escaparate de formación actual “para todo o alumnado de Ponteareas e comarca sen ter que desprazarse”. Fernández Davila destaca o importante esforzo do Concello por poñer en marcha un evento no que ademais de información sobre as modalidades que imparten os centros, os e as asistentes gozan de de forma guiada de demostracións prácticas do traballo que se realiza dentro do currículo educativo de cada ciclo.

Tras a apertura este martes a público escolar e a público xeral durante a tarde, a feira volve abrir as súas portas o mércores 8, que poderán coñecer os traballos de especialidades como a de ilustración, banda deseñada, deseño, auxiliar de voo, administración, panadería e repostería, finanzas, agraria, industria alimentaria, seguridade e medio ambiente, fabricación mecánica, enerxía e auga, transporte e mantemento de vehículos, música, imaxe e son, comercio internacional, publicidade, transporte e loxística, promoción e igualdade de xénero, artes plásticas, xoiaría, educación infantil, animación socio-deportiva, automoción, electricidade, informática, desenvolvemento de aplicacións webs, sanidade, electrónica, soldadura, carpintaría, idiomas ou artes escénicas.

Dende o Concello queren agradecer a implicación e o esforzo de todos os centros formativos que participan nesta Feira expoñendo, así como a todos aqueles institutos de Ponteareas, Mondariz, Salvaterra do Miño, As Neves, A Cañiza ou Salceda de Caselas que apostan por visitala co seu alumnado.

A alcaldesa tamén quixo agradecer o interese amosado polo profesorado pero tamén “polo alumnado que presenta os estudos aos seus posíbeis compañeiros e compañeiras; ás e aos voluntarios municipais que guiarán ás persoas asistentes pola feira de xeito ordenado, facendo do percorrido unha experiencia dinámica, divertida e proveitosa; e a todas e todos os empregados municipais polo traballo de montaxe, atención e organización dun evento tan importante para Ponteareas”.