Exposición do pintor Xesús Díaz Ferrer na casa da cultura de Monforte

É un acto conmemorativo no centenario do nacemento do pintor

Monforte de Lemos | O Concello de Monforte de Lemos acolle a exposición “Esencial”, do pintor valdeorrés Xesús Díaz Ferrer do 6 ao 27 de febreiro na sala de exposicións da casa da cultura poeta Lois Pereiro. Esta mostra organizada polo historiador Luis Enrique Rodríguez, Coquixo, e polo Concello do Barco, xurdiu como acto conmemorativo no centenario do nacemento do pintor.

Díaz Ferrer considerado como un artista esencial na creación pictórica do século XX, necesita aínda ser reivindicado pola súa importancia dentro das correntes europeas e Galegas desa época, xa que non deixou de ser un pintor de culto, a pesar de que as súas obras compartiron espazo xunto ás de Matisse e Picasso e foron comercializadas nas casas de subastas máis prestixiosas de España.

O proxecto intenta amosar ó publico o “esencial” da obra deste artista, e tal e como afirma Luis Enríque Rodríguez «coa exposición preténdese dar a coñecer de onde sae a súa pulsión creativa e como era Díaz Ferrer como creador», engade o comisario da mostra que, por tanto, non é unha exposición temática, senón, explicativa de Díaz Ferrer”.

Nesa búsqueda da esencia, Coquixo decidiu prescindir da cor tan característica da obra do artista. Por iso recuperou bocetos, gravados e debuxos en branco e negro dos que Díaz nunca se desprendeu e que garda como un tesouro a súa viúva, Micheline Langlois, con eles pódese apreciar e comprender o seu proceso creativo.

Pero tampouco é todo en branco e negro, porque Ferrer foi un pintor colorista. Así que ese apartado ten o seu propio espazo a través de oito cadros que recollen os bocetos para telas que Ferrer deseñou no ano 1958 para a empresa de tecidos na que traballaba na cidade suíza de Zúrich. “Supón un bo mostrario do seu traballo para comprobar ata onde podía chegar como colorista”, defende Coquixo.

Estamos, sen dubida, ante un caso atípico e xenuíno dentro da arte galega contemporánea, un creador cosmopolita e vangardista que conseguiu desenrolar un arte plenamente integrado na súa época, ó tempo que conservou a súa propia personalidade expresiva e os seus valores identitarios galegos. Aleixado durante as últimas décadas de todo canto rodea o mundo artístico excepto a súa propia creación, é agora, tras a súa morte, cando Xesús Díaz Ferrer comeza a ocupar o lugar que pola calidade da súa obra e a súa singular e meritoria traxectoria lle está reservado dentro da Historia da Arte.