I Encontro de Equipos de Igualdade en Baiona

Participaron institutos de Pontevedra e de Toledo

Baiona | O equipo de Igualdade do IES Primeiro de Marzo, formado por alumnado de todas as etapas educativas do centro, organizou o I Encontro de Equipos de Igualdade da provincia de Pontevedra celebrado na mañá do venres 22 de abril no Parador de Turismo de Baiona.

O encontro,que contou coa presenza do Equipo de Igualdade do IES Primeiro de Marzo, do Club Diversidade do IES Valadares, o Comando Igualdade do IES Alexandre Bóveda, a Brigada Violeta do IES Chapela e a participación especial da Asamblea Coeducativa do IES La Cañuela (Toledo), serviu para que o alumnado debatese sobre feminismo, diversidade e ferramentas para construír centros escolares libres de violencias machistas.

Ao acto, que contou coa colaboración do Parador de Turismo de Baiona, asistiron a Concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira, a Deputada de Cultura e Igualdade da Deputación de Pontevedra, María Victoria Alonso, asi como Chis Oliveira, docente xubilada, dinamizadora de espazos libres de violencias machistas e mestra coeducadora referente en todo o país, que acompañaron ao alumnado e amosaron así o seu apoio a proxectos coeducadores realizados desde a escola pública.

As coordinadoras de igualdade dos diferentes institutos concluíron que o acontecido onte en Baiona debe ser un punto de inflexión para seguir tecendo rede coeducativa co gallo de intercambiar propostas e permitir ao alumnado espazos de libre expresión nos que intercambiar ideas entre diferentes puntos da xeografía galega e española. Alumnado e profesorado asistente saíron convencidas de que este foi o primeiro de moitos encontros de Comandos Igualdade.