A Xunta licitará a cuberta da igrexa de San Vicente do Pino, en Monforte

Tamén restaurará retablos da igrexa do colexio do Cardeal

Monforte de Lemos | Unha das actuacións, cun orzamento de 115.700€, estará destinada a substituír o material da cuberta da igrexa de San Vicente do Pino, que visitou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen explicou que se repararán os danos detectados, derivados fundamentalmente da súa localización exposta a situacións climatolóxicas adversas, especialmente fortes ventos que provocaron a perda de tellas, a rotura dalgunhas placas de fibrocemento e mesmo o levantado de elementos de impermeabilización.

Para acometer os traballos será necesario desmontar todo o material da cuberta, formado por tellas cerámicas. Substituiranse as placas deterioradas para volver a executar a nova cubrición co mesmo material e con elementos de ancoraxe e suxeición capaces de soportar maiores presións de vento.

A igrexa do mosteiro de San Vicente do Pino ten a consideración de ben catalogado, ademais de estar incluído en dous espazos declarados Ben de Interese Cultural (BIC), o do conxunto histórico de Monforte de Lemos e o da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

Así mesmo, o delegado sinalou que a Consellería tamén reiniciou o proceso administrativo para a restauración de varios retablos da igrexa do colexio do Cardeal, que quedaron desertos no primeiro procedemento de contratación.

Así, destínanse 84.500 euros á restauración do retablo da Adoración dos Reis, púlpito e tornavoz, o retablo do Santo Cristo, e os de San Xosé, a Virxe das Dores, Virxe de Fátima e Santo Antón.

O delegado lembrou que no mesmo templo veñen de restaurase os retablos de Nosa Señora das Escolas Pías e de San Xosé de Calasanz, cun orzamento de 16.800 euros.