PP Ponteareas iniciará campaña de redución do recibo do lixo

Reclama ao bipartito BNG-PSdeG que se "adhira á axuda de SOGAMA"

Ponteareas/PPdeG | O Grupo Municipal do PP anunciou unha campaña social e de mobilización para esixir ao Goberno local que se some ás axudas ofertadas polo Goberno Autonómico que permitirían a rebaixa do recibo do lixo en ata un 15%.

“Levamos tres anos quedando fóra desta subvención á que se adhiren concellos próximos como Covelo e Cañiza ou de maior poboación como Vigo”. Por que os veciños de Ponteareas teñen que pagar máis que os veciños destes municipios por un mesmo servizo? Neste caso o motivo é a desidia dun bipartito que non quere reducir o recibo do lixo, este ano 2022, e segundo as bases publicadas no DOG en ata un 15%” explicou a portavoz Belén Villar.

O PP de Ponteareas cren que non é de recibo que o bipartito, que acaba de facer unha recente subida salarial no goberno, non permita aliviar as economías dos veciños que están a ser mermadas polo prezo desorbitado da luz ou do combustible, “viríalles moi ben recibir unha rebaixa nalgún imposto, como neste caso o da recollida do lixo” explicou Villar. Consideran que non se aplica esta rebaixa por deixamento e desidia.

“Por que o Goberno non aplica esa rebaixa? Porque non fai os seus deberes. O primeiro ano recibiu a axuda e non a bonificou aos veciños. Este motivo xerou unha sanción de 60.000 euros máis intereses. Cobraron de máis aos veciños e seguen sen querer executar esta rebaixa, este ano nin sequera solicitárona”.

Os populares farán presión social xa que o prazo para adherirse á bonificación termina o 1 de marzo de 2022. “Esiximos que recapaciten e pensen non neles, senón nos intereses dos seus veciños e nos seus petos que son os realmente prexudicados. Ao Concello non lle custa nada. E non ten máis condicionante que ter reducido as toneladas de lixo mediante medidas que fomenten a recollida selectiva e repercutir esa redución do 15% no recibo aos veciños”

Lembran que BNG E PSOE agora que  gobernan o Concello non rebaixan o recibo do lixo aos veciños un 15%, cando a eles e ás arcas municipais non lles custa nada, e en cambio no ano 2013, en plena crise económica e co concello crebado, aplicouse o IPC a esta taxa, subiuse un 1,5% e montaron unha lea tremenda, e acusaron ao PP de subir abusivamente a taxa de recollida do lixo.

“BNG e PSOE, sete anos despois, recadan dos veciños un 50% máis do que facía o PP no ano 2015, ingresan agora cada ano 1,33 millóns de euros fronte a 880.000 euros que se ingresaban antes”.

“Hoxe, coa subvención que aplica Sogama, e que non lle custaría nada ao Concello, rebaixaríanse estas taxas un 15% este ano 2022, poderían reducir un 4€/ano o recibo do centro urbano, e 2,5€/ano o do rural”, explicou Villar.