Celebrada en Mos a I Mesa do Camiño

Aprobou sinalizacións de interese para os peregrinos

Mos | Onte pola tarde celebrouse a primeira Mesa do Camiño do Concello de Mos do ano 2022 á que, ademáis dos concelleiros mosenses de Educación e Servizos para a mellora do entorno rural e urbano, Julia Loureiro e Baldomero Lorenzo, respectivamente; asistiu o Director de Xestión do Plan Xacobeo, Idelfonso de la Campa.

Por suposto tamén estiveron presentes representantes das asociacións integrantes da Mesa, entre as que se atopan a Asociación Amigos do Camiño, Fundación Pazo de Mos, A.V.V. Chan do Bosque de Amieirolongo, Sanguiñeda, A Cividade de Louredo, etc.
Durante a sesión de onte recolléronse todas as suxerencias e ideas para poñer en marcha en Mos durante este ano Xacobeo 2022. Entre elas atópanse a limpeza e desbroce de varias zonas.

Ademais desde o Concello informouse de que esta semana procederase á sinalización de 3 fontes situadas no Camiño de Santiago ao seu paso por Mos, fontes de Comunidades de Usuarios de Augas, polo que son potables e aptas para o consumo dos preregrinos; e tamén instalaranse paneis informativos en diversos puntos que inclúen códigos QR con información sobre o lugar no que se atopan e teléfonos de interese para o peregrino.

Abordouse tamén o tema da pasarela peonil en Amieirolongo, Sanguiñeda, pendente do Ministerio de Fomento. Sobre isto Idelfonso de la Campa avanzou que desde o Xacobeo faranse xestións co Ministerio neste senso, para tentar por todos os medios para que se axilice a solución para unha zona de tránsito peonil enormemente perigosa e pola que transcorre o Camiño.

A construción dunha pasarela peonil en Amieirolongo e a humanización da contorna comercial son fundamentais para que se elimine o perigo que supón para os veciños, para os peregrinos e para todas as persoas que transitan a estrada Nacional 550 entre Mos e O Porriño. Unha solución que se leva anos reclamando, pola súa necesidade imperiosa.

Por último, na Mesa do Camiño do Concello de Mos de onte tratouse o deseño da programación cultural que durante o presente ano 2022 se porá en marcha en diferentes ubicacións do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos.