Delitos de Odio.

Xoán Antón Pérez-Lema publicou un interesante libro sobre os delitos de odio e a perversión que se fai ás veces desta figura, que foi creada para protexer a colectivos marxinados ou discriminados, especialmente vulnerábeis; non a quen exerce unha posición de dominio ou de autoridade, pois xa conta con protección legal.

Quen ten o poder de decidir que é ou non delito de odio (á súa comenencia) non é o nacionalismo galego…  Na miña opinión o nacionalismo galego case sempre foi comedido; aínda que Galiza e o pobo galego si foi e é obxecto de múltiples e variadas agresións e opresións.

Defenderse -incluso irritarse- lexitimamente é delito de odio? En xeral non me convence moito a concordia que impón o máis forte. E o problema é que queredes mandar nos nosos sentimentos e na nosa mente: a tiranía total (esa é na miña opinión a verdadeira causa do voso acoso e un dos motivos principais da miña rebeldía). Impoñer o voso relato dos feitos e defender a vosa condición de cidadáns alfa, ignorando o malestar da xente dos pobos e das nacións oprimidas ten consecuencias.

“Defenderse -incluso irritarse- lexitimamente é delito de odio? En xeral non me convence moito a concordia que impón o máis forte”

Todo o que facemos ou omitimos ten consecuencias. Eu aposto pola a paz, pero grazas ao labor de Julian Assange -cuxa liberdade reclaman as asociacións e a cidadanía máis comprometida coa defensa dos dereitos humanos- sabemos -como tamén proclamou a ONU- que aínda na guerra non todo vale e no amor tampouco…

Manifesto tamén a miña condena e preocupación polo golpe de estado en Burkina Faso, dirixido por un oficial -según di ESCULCA- entrenado polo exército dos EE.UU. (ao igual que ocorreu en máis países de África Occidental) e tamén pola sorte do preso independentista galego Antom García, illado no C.P. de Estremera (Madrid), disque desde o 17 de xaneiro pola Covid-19…  Posto que somos diferentes,  tamén podemos ter criterios distintos.

Sempre que vos parece conveniente silenciades a Galiza: iso para min é opresión, pois os medios públicos pagámolos toda/os.  Silenciar individual ou colectivamente un pobo, ao funcionariado ou persoal traballador ou subalterno, tamén o considero opresión. Tanto o BNG como a CIG teñen unha voz propia e xenuína, que representa e defende os intereses de Galiza e do pobo traballador, por iso amolamos.  Porén os nosos éxitos case sempre son en beneficio de toda Galiza e incluso da humanidade, na medida das nosas posibilidades, claro está.

Tamén quero lembrar que en Galiza hai feminicidios sen esclarecer (En Vigo, Ourense…) que causaron moita alarma social; talvez cunha verdadeira policía autonómica, democrática e que tivese máis empatía coa cidadanía galega (coñecer e empregar o idioma galego paréceme fundamental), o resultado poidese ser distinto…

Todo o mundo quere ser apreciado e respectado, pero para iso tes que facer a túa aportación e non sementar inxustiza e infelicidade noutros pobos, nas clases populares e na humanidade en xeral, nin destruír a natureza ou os animais sen unha causa de vital necesidade.  En España hai moitas persoas activistas de ONGs que fan cousas incríbeis polo mundo adiante, que pouca xente é capaz de facer.

Así que se queredes, podedes ser parte dunha solución xusta a estes e outros problemas, defendendo a unidade do Estado (que tanto vos obsesiona) dun xeito medianamente empático co adversario, xusto e democrático. En canto á derrogación da reforma laboral do PP, coido que Yolanda Díaz intentouno honestamente, porén non lle deixaron e quedouse todo nunha reformiña, incumprindo o prometido.  E remato desexándovos moita sorte fronte o avance da ultradereita e da dereita estrema, polo ben de toda/os.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.