Portugal certifica oficialmente o Camiño Portugués pola Costa

Repercute positivamente na Eurocidade Tui-Valença

Tui | O Goberno de Portugal publicou no día de onte o decreto que certifica, ou oficializa o Camiño Portugués da Costa, unha ruta xacobea que remata na cidade irmá de Valença, recoñecendo a importancia “histórica e cultural” deste Camiño de Santiago, nunha decisión asinada conxuntamente polas secretarias de Estado do Turismo, Rita Marques, e Adxunta e do Patrimonio Cultural, Ângela Ferreira.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, congratúlase desta decisión que afecta moi positivamente á Eurocidade Tui – Valença. En primeiro lugar, pois acredita o importante traballo realizado pola Cámara Municipal de Valença coa entidade de Turismo Porto e Norte de Portugal, na valorización do paso do Camiño Portugués de Santiago da Costa por Valença.

En segundo lugar, porque esta decisión recoñece que historicamente as rutas de peregrinación en Portugal confluían en Valença e tiveron ao longo dos séculos e continúan na actualidade tendo en Tui a porta de entrada a Galicia. Un elemento consustancial ao Camiño de Santiago é a súa historicidade, sinala Enrique Cabaleiro, esta decisión do goberno portugués incide neste aspecto garantindo aos peregrinos as rutas que responden a unha tradición secular.

Segundo a normativa onte publicada “Com 138 km de extensão, o Caminho Português de Santiago — Caminho da Costa atravessa os municípios de Porto, Matosinhos, Maia, Vila do Conde, Póvoa do Varzim, Esposende, Viana do Castelo, Caminha, Vila Nova de Cerveira e Valença”. Esta certificación ven a “reconhecer e preservar o património cultural e natural associado ao Caminho de Santiago e assegurar os serviços de apoio adequados aos peregrinos.”

Enrique Cabaleiro asegura que esta decisión publicada onte ven reforzar o papel central que a Eurocidade Valença – Tui ocupa nas rutas de peregrinación xacobeas de Portugal, e supón unha nova oportunidade para a nosa cidade e un novo reto para continuar mellorando a calidade da oferta de acollida en Tui a todos os peregrinos. A próxima creación do Centro Cárcere Vello, de acollida a turistas e peregrinos será un elemento de capital importancia neste traballo de afondar na oferta cultural e turística de Tui para os milleiros de peregrinos que anualmente percorren as rúas e camiños de Tui.

Apertura da nova oficina de Turismo de Tui
O Concello de Tui inaugurou este mediodía a nova Oficina de Turismo executada ao abeiro do proxecto “Río Miño, un destino navegable” financiado con fondos europeos. Un novo equipamento que marca un antes e un despois na atención os visitantes e peregrinos na cidade.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, interviron no acto inaugural no que estiveron presentes tamén a subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, xunto aos representantes dos outros socios do proxecto o concello de Salvaterra, as cámaras de Valença e Monçao, e Turismo Porto-Norte.

Na súa intervención o alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou que “hoxe é un día importante e moi importante para Tui, porque cumprimos un vello desexo de reubicar a oficina de turismo neste local moi emblemático e con moita historia”. Engadiu que con este cambio “gáñase en presencialidade nunha zona tamén moi emblemática coma é o Paseo da Corredoira, gáñase en accesibilidade, e polo tanto entendemos que esta oficina nestes momentos está a dar resposta ás esixencias que nestes momentos hai en materia de información e atención a todas as persoas que nos visitan”.

Coa nova oficina preséntase tamén unha nova marca turística, un novo material promocional, polo que dicía o rexedor tudense “dignificamos algo tan elemental coma é dar un servizo de calidade a todas aquelas persoas que nos visitan, e que ademais afortunadamente son moitas”.

Salientou Enrique Cabaleiro que “o turismo é hoxe un dos elementos principais de desenvolvemento económico do noso territorio, e polo tanto debemos implementar cantos instrumentos sexa necesarios para a posta en valor deste magnífico territorio que temos”.

Esta mañá o alcalde de Tui destacou que en xaneiro a Oficina de Turismo, ubicada até o de agora na praza de San Fernando contabilizou “os mellores datos de turismo da historia dende cando se teñen rexistros”. Tamén aludiu a colaboración entre municipios indicando que “compartimos un territorio onde temos intereses compartidos e debemos definir estratexias que poidan sacar adiante eses intereses”. Rematou con palabras de agradecemento para todos os que fixeron posible facer realidade este proxecto, con especial referencia ao exalcalde de Salvaterra, Arturo Grandal, a quen sinalou coma “o ideólogo deste magnífico proxecto”.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, amosou o seu orgullo por ser tamén un dos socios do proxecto Río Miño, Destino Navegable que indicou “é un claro exemplo da colaboración interinstitucional e “ten moitos visos de crecemento”. Afirmaba que “o turismo tranquilo en contacto coa natureza aquí o ten todo” ao tempo que desexou moitos éxitos á nova Oficina de Turismo.

Mentres a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, indicou que “este gran proxecto Río Miño, Destino Navegable, ten unha grandísima capacidade de crecemento, ten unha grandísima capacidade de atracción turística, e de seguro que nos vai valer para poñer, unha vez máis, a Galicia e ao Norte de Portugal, no mapa turístico que se merecen”.

Hoxe presentou tamén novo material de divulgación e información que transmite dun xeito visual e atraínte as áreas de interese e os puntos icónicos de cada un dos municipios, poñendo de relevo a riqueza turística. Así editouse un novo mapa ilustrado e informativo no que o Miño é o eixo central abranguendo as dúas eurocidades Tui-Valença e Salvaterra-Monçao, e reflectindo no mesmo as localizacións máis importantes dos catro municipios. Está editado en catro idiomas: galego, castelán, portugués e inglés.

Tamén foron editados diplomas infantís nos que se propoñen aos cativos e cativas, xunto ás súas familias, que atopen catro puntos do mapa, un por municipio.
Ao remate do acto inaugural as autoridades realizaron unha visita guiada polo conxunto histórico de Tui da man da historiadora Sara Quintana.

Espectáculo “Cubo” de Elefante Elegante
Unha obra de teatro xestual dirixida a público familiar abre este venres a programación de 2022 no Teatro Municipal de Tui. Trátase de “Cubo” un espectáculo da compañía Elefante Elegante. A cita será este venres, 4 de febreiro ás 19 h no Teatro Municipal de Tui.

María Torres e Gonçalo Guerreiro dirixen e protagonizan esta obra que transcorre nun cubo de metros de lado. Aí viven os dous personaxes desta historia. Ela, curiosa e decidida. El, tenro e divertido. Un día, a curiosidade invade o seu cubo e deciden que queren ir máis aló, descubrir o mundo enteiro. Sempre conseguiron poñerse de acordo ata hoxe, pero á hora de elixir o seu destino non poden chegar a un consenso.

Ela quere percorrer un camiño en busca de preguntas e el quere buscar respostas na dirección oposta. Que solución atoparán? Norte, Sur, Leste ou Oeste? Xuntos ou separados?

O espectáculo ten a súa orixe na abstracción da figura xeométrica do cubo e parte da situación de encerro que todos vivimos para evocar a amizade, as separacións, a necesidade de descubrir o mundo e a aventura de medrar. CUBO é un xogo e un xoguete de fantasía, humor e poesía visual.

As entradas están á venda en www.tui.gal aos prezos de 4€ e 3€. Cómpre lembrar que están xa a venda tamén as entradas para os seis espectáculos que conforman a programación de febreiro e marzo no teatro tudense.