O PP de Lugo esixe instalacións dignas e máis medios para as Forzas e Corpos de Seguridade

Tras visitar as dependencias da Policía Local e a Comandancia da Garda Civil
Ana Belén Vázquez, entre Jaime de Olano e Joaquín García.

Lugo | Os deputados populares pola provincia de Lugo, Jaime de Olano e Joaquín García, acompañados da deputada por Ourense, Ana Belén Vázquez, portavoz para Interior no Congreso, visitaron as dependencias da Comisaría de Policía de Lugo e da Comandancia da Garda Civil, á que tamén se sumou a senadora Rosa Arza.

O obxectivo das visitas foio o de coñecer o estado en que se atopan as instalacións, así como a problemática e as carencias que teñen as forzas e corpos de seguridade do Estado na provincia, segundo explicaron Jaime de Olano, Joaquín García Díez, Rosa Arza e Ana Belén Vázquez. Jaime de Olano criticou con dureza o veto imposto polo ministro Marlaska á participación nestas visitas a Elena Candia (presidenta provincial do PP) e Ramón Carballo, ambos deputados autonómicos.

Os populares, por medio de preguntas parlamentarias, xa teñen denunciado o déficit de efectivos (faltan máis de 120 axentes de Policía Nacional e Garda Civil, cun catálogo de postos que está obsoleto), unido á falta de material, como chalecos e vehículos.

Despois de visitar ás instalacións da Policía Nacional e da Comisaría, os populares ven plenamente confirmado que as forzas e corpos de seguridade necesitan medios suficientes para poder realizar o seu traballo de defensa dos lucenses.

“Deben poder traballar nunhas condicións dignas”, sinalan os citados representantes do PP. Reiteran a súa oposición ao peche de cuarteis, esixen un novo despregamento policial acorde ao século XXI, pero mantendo os cuarteis nos concellos lucenses. Os populares reclaman que se supere o déficit de efectivos, incorporando a axentes en segunda actividade. A este respecto destacan que “o Ministerio do Interior négase a activar esas prazas na provincia de Lugo”.

O PP sostén que é urxente a creación da Unidade de Seguridade Cidadá de Comandancia (USECIC) da Garda Civil, da que só carecen Lugo e Ourense, a pesar de que xa estaban realizados os informes favorables en xaneiro de 2018, e a Unidade de Prevención y Reacción (UPR) da Policía Nacional. Os deputados puxeron de manifesto a necesidade de que o Goberno retome a iniciativa para a construción dunha nova Comisaría de Policía na capital lucense.

O PP demanda “o cumprimento da PNL que se aprobou no congreso o día 12 de marzo de 2021, aprobando a UPR de Lugo, e así llo pedimos nunha carta ao propio ministro Marlaska”. Igualmente expresa aos corpos e forzas de seguridade o seu apoio “fronte á reforma da Lei de Seguridade Cidadá, “porque creará unha España máis insegura, onde os delincuentes terán total impunidade; aos axentes déixaselles sen capacidade de actuar e desprotexidos xuridicamente, o que repercutirá nunha peor seguridade e prestación de servizos”.

Pola tarde, deputados e senadores mantiveron unha reunión na sede do PP lucense con representantes sindicais e asociacións dos corpos e forzas de seguridade, a que asistiron tamén a presidenta provincial do PP, Elena Candia, e o coordinador xeral e portavoz, José Manuel Balseiro, ambos deputados autonómicos.