En marcha o Laboratorio de innovación e economía social de Galicia (LIES_GA)

Foi inaugurado na Facultade de Económicas da USC

Santiago de Compostela | O director xeral de Universidades, José Alberto Díez Castro, asistiu esta mañá ao acto de inauguración do Laboratorio de innovación e economía social de Galicia (LIES_GA), que tivo lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago.

Dito acto tamén contou coa asistencia do Decano da Facultade de CC. Económicas e Empresariais, Xoán R. Doldán, da vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, María do Mar Lorenzo; e da profesora Isabel Neira e a doutoranda Ana Olveira, parte do equipo impulsor deste laboratorio. Entre os asistentes, máis dunha ducia de representantes do eido da innovación social, da economía social autonómica e da administración que participaron telematicamente no evento.

A apertura do acto correu a cargo da vicerreitora, María do Mar Lorenzo que indicou que o LIES_GA “representa a tipoloxía de proxectos polos que a Universidade debe apostar ” posto que “visibiliza ante a comunidade universitaria novos modelos e novas formas de facer”. Durante a súa intervención quixo felicitar ao equipo técnico do LIES_GA “en nome do reitor e de toda a Universidade” lembrando, ademais, que desde o ámbito académico “debemos apostar e apoiar este tipo de proxectos, iniciativas que nos marcan e nos definen como universidade”.

Logo do LIES_GA.

Na mesma liña foron as felicitacións ás promotoras deste laboratorio do director xeral de Universidades, José Alberto Díez Castro, “porque seguro que o alumnado terá interese en incorporarse ás actividades docentes e formativas que vai realizar este laboratorio”. Ademais, subliñou que esta iniciativa “vai mellorar a universidade e a formación do estudantado promovendo unha serie de cualidades, tanto a nivel individual como colectivo, que farán mellor a nosa sociedade”.

Xunto con isto, Díez Castro puxo en valor a posta en marcha dunha entidade que permitirá “inculcar unha serie de valores positivos no estudantado que van complementar o aprendido cada día nas aulas”; xa que grazas ás actividades do LIES_GA “vai quedar claro que se poden crear empresas e realizar actividade económica respectando a singularidade das persoas e do medio ambiente máis aló do simple beneficio económico ou do incremento a curto prazo”, destacou .

Pola súa banda, o Decano da Facultade de CC. Económicas e Empresariais, Xoán R. Doldán destacou que o nacemento do LIES_GA “é o resultado dos anos que esta facultade leva realizando actividades de posta en valor, de investigación e formación sobre innovación social e economía social”, augurando que “haberá continuidade destas actividades”.

A profesora Isabel Neira, unha das impulsoras do LIES_GA, lembrou “que o máis importante das institucións son as persoas que están detrás delas e dos proxectos”, agradecendo o impulso recibido polo LIES_GA tanto desde a secretaría xeral de Universidades como desde a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Finalmente, Ana Olveira presentou as recentes actividades realizadas polo LIES_GA. Segundo Olveira, “o Laboratorio de innovación e economía social de Galicia nace con vocación de permanencia e de facer actividades”.

Para iso creáronse canles de comunicación como perfís en redes sociais e unha web “que será un espazo de visibilización das actividades do LIES_GA e do ecosistema da innovación social e da economía social”. Olveira tamén incidiu en que as actividades realizadas ata o momento na Facultade de CC. Económicas e Empresariais,son extrapolables a outras facultades porque “entendemos a innovación e a economía social como elementos transversais que deberían chegar a todo o estudantado”.