O Club Xadrez Mos, canteira de campións nacionais e internacionais

Tres dos seus xogadores foron recibidos pola alcaldesa Nidia Arévalo
Os tres representantes do Club de Xadrez de Mos, xunto coa alcaldesa Nidia Arévalo.

Mos | Esta tarde ás 19.30 horas celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a recepción a tres xogadores do Club Xadrez Mos polos logros acadados durante o pasado verán nesta disciplina deportiva.

Miguel Senlle, Xabier Pérez e Carmen Gallardo, acompañados por familiares e representantes da directiva do Club Xadrez Mos, foron recibidos e felicitados na Casa Consistorial mosense por Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo, Participación Cidadá e Política Social e Igualdade, José Areal, concelleiro de Deportes e demais membros da Corporación Municipal.

Miguel Senlle Caride, que é Mestre FIDE e adestrador dos grupos de maior nivel do Club Xadrez Mos, erixiuse campión do VII Open Internacional Hotel Cemar (Mondariz) o pasado 22 agosto, proclamándose campión cun total de 8 puntos sobre o total de 9, facendo unha actuación brillante.

Pola súa banda Xabier Pérez Sousa e Carmen Gallardo García, foron subcampións de España representando a Galicia no Campionato de España de Seleccións Autonómicas Infantil o pasado 20 de xuño. No devandito Campionato de España, celebrado en Gijón, a Selección Galega Sub-14 proclamouse Subcampioa cun balance de 4 victorias, 1 empate e 1 derrota; e contando no equipo galego cos mosenses Xabi e Carmen.