Deputación da Coruña abre o Pazo de Meirás para homenaxear ás vítimas do franquismo

Coa presenza do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez
O presidente provincial destacou “o compromiso” do Goberno de España para lograr a recuperación do Pazo para o patrimonio público.

Deputación da Coruña | “Hoxe é un día histórico. As portas de Meirás abrense por primeira vez para render homenaxe ás vítimas do franquismo, que merecen reparación, xustiza e memoria”, así se expresou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ao inicio do acto desta tarde, no que acompañou ao secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, no Pazo de Meirás.

O presidente provincial destacou “o compromiso” do Goberno de España para lograr a recuperación do Pazo para o patrimonio público, tras máis de oito décadas en mans da familia Franco, así como a “implicación absoluta” do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e da Avogacía xeral do Estado.

Esta implicación foi patente nun proceso “que podemos dicir con orgullo que iniciamos na Deputación da Coruña en 2017, encargando os primeiros informes que avalaron xurídicamente que o Pazo era propiedade do Estado e non da familia Franco”.

Na apertura ao público do Pazo tamén estiveron presentes represaliados do franquismo.

“O que entón parecía imposible é hoxe unha realidade grazas ao compromiso absoluto do Goberno de España no ámbito da memoria democrática”, indicou Valentín Formoso, que destacou “a necesidade moral de reparar a todas as persoas que sufriron inxustamente represión, cárcere, exilio…e que incluso pagaron coa súa vida a defensa duns ideais de liberdade e democracia”.