Zona Franca de Vigo e Conxemar presentaron informe sobre a industria de produtos pesqueiros en España

A empresa galega representa case o 62% de facturación a nivel estatal

Vigo | Conxemar representa case o 62% da facturación da industria e comercialización de produtos pesqueiros en España e as súas empresas asociadas ocupan ao 54% do total das persoas que traballan no sector, segundo os datos do informe realizado pola Zona Franca de Vigo, que presentaron hoxe o delegado do Estado, David Regades, e o presidente da Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura Conxemar, Eloy García.

O delegado do Estado, David Regades, explicou que “o traballo, que é único, é froito dunha estreita colaboración entre o servizo de estudos Ardán, do Consorcio da Zona Franca de Vigo, e a asociación Conxemar. O noso obxectivo é medir, para coñecer e valorar, o impacto que ten esta actividade na nosa economía, na xeración de ingresos, de riqueza e de emprego, que é moi relevante”.

Engadiu ademais que “os socios de Conxemar crearon emprego no exercicio de maiores restricións da pandemia e conseguiron unha produtividade maior que o resto do sector”.

O presidente de Conxemar, Eloy García, sinalou que “a actividade dos nosos asociados representa o 62% do sector da transformación e comercialización de produtos do mar en España. Este dato sitúanos no mapa e referenda a nosa actividade en defensa dos intereses de todo o sector, tanto en España como #ante a Unión Europea. Son moitos os retos que temos por diante, e informes como este permítennos acudir con seguridade e apromo ás institucións para encarar debates e facer demandas claras.”

En España 768 empresas teñen como actividade principal a Industria e comercialización por xunto de produtos pesqueiros (conserva, semiconserva e conxelado), que facturaron 14.156 millóns de euros en 2020 e xeraron 32.201 empregos directos.

Conxemar ten un peso relevante dentro dese sector, con 243 empresas asociadas, cun volume de facturación agregado de 8.727 millóns de euros e que son as responsables da xeración de 17.327 empregos directos en 2020.

Produto conxelado
A presenza dos asociados de Conxemar é moi relevante no produto conxelado, sendo o número de empresas asociadas o 46% do total das empresas do sector en España.

Estas empresas son responsables de case 3 de cada 4 euros facturados polo sector e tamén de 7 de cada 10 postos de traballo da actividade en España.

No sector en España o 47,35% dos postos de traballo son ocupados por mulleres. Se analizamos con detalle as actividades industriais e comercializadoras a porcentaxe de mulleres en compañías con transformación de produto acapara o 85,27% de todo o emprego. Con todo, nas empresas comercializadoras a representatividade é moito menor, cun 14,73%.

Comarca de Vigo
A relevancia de Vigo no sector e en especial no conxelado ponse de manifesto nos datos do informe. Así, se se analizan as empresas de Conxemar situadas na comarca de Vigo, xeran o 14% da facturación, o 6% do valor engadido bruto e o 4% do emprego de total das empresas da comarca. En canto ao conxelado, na comarca de Vigo factúrase o 33% de produtos do mar conxelado de toda España e xérase 1 de cada 4 euros do valor económico do sector, ademais de empregar a 1 de cada 6 persoas do sector en toda España.