Xa somos 8.000 millóns.

O pasado 15 de novembro, a ONU anunciou un fito histórico: xa somos 8.000 millóns de habitantes no planeta. Pasaron así pouco máis de once anos para superar a cifra de 7.000 millóns. As previsións demográficas engaden outros 2.400 millóns de habitantes para o 2080, momento no que a poboación mundial comezará a descender.

Se observamos o mapa demográfico global, o foco céntrase obviamente en China (1.452 millóns) e moi perto a India (máis de 1.413 millóns) Pero no ‘top 10’ temos tamén a EE.UU (335.700 millóns), Indonesia (280 millóns), Brasil (216), Paquistán (231), Nixeria (219) e Bangladesh (168)

Asia, chamada a ser o poder xeopolítico e xeoeconómico deste século XXI, tamén o é claramente no eido demográfico con cinco países liderando a lista dos máis poboados.

“O factor demográfico e a estrutura poboacional son imprescindibles para medir os niveis de desenvolvemento socioeconómico dun país”

O factor demográfico e a estrutura poboacional son imprescindibles para medir os niveis de desenvolvemento socioeconómico dun país. O énfase ponse en datos sociais e sanitarios como a pobreza, a fecundidade, a migración ou amortalidade pero tamén económicos como o PBI per cápita e os sectores produtivos (agricultura, industria, servizos). Non é casualidade, por tanto, que as principais potencias económicas (EE.UU, China) e emerxentes (India, Indonesia, Brasil) lideren tamén os índices demográficos globais. O nivel de industrialización e de modernización económica tamén ven medido polos índices poboacionais do respectivo país, no sentido que permite definir a súa capacidade de recursos humanos.

E que pasa con España en termos demográficos? Augurios grises para este século XXI. Paralela á información da ONU fíxose pública unha investigación do Observatorio Demográfico CEU San Pablo que advirte dun “panorama demográfico lúgubre” para as próximas décadas en España. Será así nos vindeiros 50 anos un país “máis envellecido, cun gran número de persoas solitarias e multicultural”.

“Unha investigación advirte dun ‘panorama demográfico lúgubre’ para as próximas décadas en España”

Segundo este estudo, para 2072, a poboación española será de 31,2 millóns de habitantes (actualmente o é de 47 millóns) dos que “21 millóns serán poboación inmigrante ou fillos desta nados en España”. De acordo a datos dos Instituto Nacional de Estatística (INE) de decembro de 2021, a poboación española reduciuse en 72.000 persoas. Por outra banda, a investigación augura “unha maior resistencia futura da sociedade española a aumentar o seu grao de multiculturalidade” toda vez este estudo dubida que a chegada de inmigrantes logre frear os índices de caída da natalidade.

O estudo da CEU afirma que en Comunidades Autónomas como Castela e León, Galicia, Asturias e Estremadura, a porcentaxe de poboación maior de 65 anos superará o 30%. Cualifica tamén á soledade como unha “auténtica pandemia” para a sociedade española: para 2037, seis millóns de españois vivirán sós.

A pesares dos avances médicos, o estudo reflicte unha redución do ritmo de crecemento de esperanza de vida, que será do 0,87 anos por década. Como repercutirá isto no gasto social en materia de pensións e sanidade, por tomar algúns exemplos, é un reto que tamén ten que ser político.

E isto tamén repercute no medio rural. Tomemos por exemplo o caso da plataforma España Vaciada, recentemente constituída en Federación con candidaturas para futuras convocatorias electorais. España Vaciada é unha advertencia do despoboamento do rural ibérico, inquietude que seguramente fai causa común coas previsións demográficas e tamén económicas emanadas da investigación da CEU.

Na miña reflexión de novembro interrogaba sobre se España está preparada para o cambio tecnolóxico dixital que está cambiando as nosas vidas. A pregunta repítese agora en plano demográfico: existe planificación oficial para paliar o declive da natalidade e os seus efectos dentro da pirámide poboacional española para as próximas décadas? Son conscientes os partidos políticos, as elites de poder, as empresas, as institucións, a opinión pública, entre outros, sobre as consecuencias deste “lúgubre panorama” demográfico?

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.