“A festa da pintura”, obra de César Taboada

A exposición “CZAR. Dimensión social dunha erótica da arte” estará no centro cultural ata o vindeiro 8 de xaneiro

Ourense | O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle a exposición “CZAR. Dimensión social dunha erótica da arte”, do artista César Taboada, comisariada por Teresa Cendón e que estará aberta ata o vindeiro 8 de xaneiro.

César Fernández, vicepresidente da Deputación, resaltou na súa intervención o nivel dunha mostra que afonda na traxectoria de César Taboada, “un artista tan lúdico como valente na concepción da súa arte”, mentres reforza a calidade da programación do Marcos Valcárcel, “un espazo dinamizador de primeira magnitude”.

Tamén destacou a altísima afluencia de ourensáns á inauguración, enmarcándoa na “calidade de Taboada, o interese que ten en Ourense a cultura e o excelente traballo de Francisco González, director do centro, e todo o seu equipo”.

“Quero ligar diferentes culturas nun século XXI que está asistindo ao cambio de roles e tipos de vida nalgúns lugares onde conviven a riqueza e a pobreza”, sinalou pola súa banda César Taboada sobre o contido da súa exposición. Taboada, que pasa gran parte do ano con programas de intercambio e formación artística en países de Oriente Medio e India, transmite á súa obra esa experiencia vital.

Francisco González destacou de César Taboada a “súa enerxía vital, unha enerxía e unha forza que, por natureza, ten que estar tamén presente no seu traballo”, ao tempo que lembrou ao César que expuxo os seus traballos nos inicios do centro cultural, hai agora 20 anos.

O crítico de arte Xosé Antón Castro destaca varios aspectos da obra de César Taboada, entre eles a súa “facilidade dibuxística”, unha neofiguración transgresora e “un cromatismo, a veces incendiario” que leva ás súas obras por espazos nos que discorren relatos reais e imaxinarios que reclaman “a consideración da arte coma unha festa”. Antón Castro incide en que a pintura para César Taboada é “un xogo e unha diversión… unha maneira de axudarnos a percibir o mundo cos mesmos ollos de pracer, optimismo e felicidade cos que el o fai”.