BNG A Guarda defende a reforma integral para a viabilidade da piscina municipal

En maio presentou esta demanda ante o pleno municipal

A Guarda/BNG | O BNG reitera a necesidade de levar adiante unha reforma integral da piscina municipal. Esta demanda presentada no pleno do Concello no mes de maio do 2021 polo BNG sigue sendo a chave para manter este servizo segundo os nacionalistas.

O deterioro provocado na piscina polo paso dos anos acompañado dun mantemento deficitario como indica a auditoría técnica encargada polo propio Concello fai que a instalación a día de hoxe estea obsoleta.

Os nacionalistas consideran necesario acometer un proxecto de reforma integral onde se atendan tanto as carencias arquitectónicas do edificio como aquelas de carácter enerxético que fagan viábel esta infraestrutura.

O BNG lamenta tamén que o goberno do PSOE non fixera un estudio económico comparativo que determinara se é máis vantaxoso para o Concello, para as usuarias e usuarios e para as traballadoras a municipalización do servizo ou unha nova licitación como demandaron os nacionalistas no seu momento. O portavoz do BNG no Concello da Guarda Anxo Baz indicou que os nacionalistas farán todos os esforzos posíbeis para manter o servizo da piscina.