A Xunta denuncia a improvisación cultural do Concello de Lugo

Lembra que chega tarde para pedir colaboración para o San Froilán

Lugo | Javier Arias Fouz, delegado Territorial da Xunta en Lugo, denuncia “a improvisación e falta de planificación cultural do Concello de Lugo” e considera que “pedir a estas alturas a axuda da Xunta para as festas patronais non responde a afán de colaboración senón de crear polémica”.

Arias Fouz lembra ademais que “a Xunta de Galicia xa colabora co Concello de Lugo, por exemplo no Caudal Fest que arranca hoxe, ao que aportamos 180.000 euros; e con outros concellos de todas as cores políticas na celebración de concertos do Xacobeo, cuxa programación se coñece desde hai meses. En Lugo foi o concerto dos Hombres G, pero hai máis de cen eventos musicais diferentes para todos os públicos en medio cento de localidades galegas que se están a celebrar desde hai meses e ata o vindeiro mes de novembro”.

O delegado da Xunta en Lugo considera que facer esta petición a estas alturas é ademais “curioso, cando hai dous días, Ana Pontón cuestionou que se subvencionen concertos.Hoxe dende as súas filas solicitan axuda da Xunta para un concerto de calidade. Soa a improvisación, máis cando a concelleira de Cultura ten que saber que programar actividades e concertos precisa de moita planificación para a contratación de artistas e para a dispoñibilidade de datas”

“Aquí non hai interese en colaborar coa Xunta senón en crear polémica”, conclúe Arias.