Consorcio de Augas do Louro garantiza o subministro de auga potable

Xuntanza dos alcaldes/as do Porriño, Mos, Salceda e Tui

Tui | O Consorcio de Augas do Louro integrado polos concellos do Porriño, Mos, Salceda e Tui, reuniu hoxe ao seu comité na ETAP dos Valos.

Representantes de todas as entidades que conforman o ente, o presidente e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde mosense, Camilo Augusto, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Medio Ambiente de Salceda, Rubén González, e a directora de Augas de Galicia, Teresa María Gutiérrez López, comprobaron de primeira man a autonomía da rede de abastecemento en caso de alerta por seca.

E é que, a diferencia de outros concellos, como o de Vigo, co embalse de Eiras por debaixo do 40%, o Consorcio podería seguir tratando e distribuíndo auga para fogares e industrias grazas a un sistema de bombeo e potabilización que permitiría garantir o subministro de auga apta para o consumo humano.

“O embalse neste momento atópase a un 81% de capacidade e cun consumo semanal do 3%, unha cifra que se engrosará notablemente unha vez o Concello de Vigo se abasteza na súa totalidade do mesmo”, explicou Lorenzo.

Se ben na actualidade non está comprometida a dispoñibilidade deste recurso na zona de non darse choivas continuadas a situación pode complicarse de cara ao outono. A última situación de seca que vivimos foi no outono do ano 2017 e os datos cos que traballamos de capacidade e as falta continuada de precipitacións apuntan a que pode darse unha situación complicada que dende o Consorcio comezamos a intentar minimizar hai meses.

Implementáronse medidas de reducción de consumo en todos eles –peche dos sectores de rego, evitáronse os baldeos e suspensión de eventos que conlevaban un consumo non necesario de auga-, e activouse o Plan de emerxencia contra seca co que contamos para tentar reducir o impacto da seca. Actuouse con contundencia, anticipación e responsabilidade.

Os alcaldes e alcaldesas dos catro concellos que conforman o Consorcio de Augas do Louro apelan a un consumo responsable de auga por parte da cidadanía e tamén do tecido empresarial, a fin de evitar a adopción de restricións e medidas máis drásticas, como as que foi necesario tomar nas anteriores crises os anos 2017 e 2008.

Así, faise un chamamento a reducir no posible o rego de xardíns, enchido de piscinas, limpeza de rúas e vehículos, así como pequenos xestos diarios que teñen un gran impacto no consumo total, como pechar os grifos mentres se enxabona, non encher a bañeira, encher ben as lavadoras, etc…