15.724, Xesús Constela (Xerais, 2012)

Un clásico literario, tamén para nós, é o das alegorías. Mentres que a finais do século pasado a preferencia pasaba por relatos metafóricos que fabulaban coa situación política da Galicia da época, na actualidade óptase máis ben por relatos de ficción científica que fantasean co futuro da sociedade da tecnoloxía e dos media, como ben amosa Obediencia de Antón Lopo, premio García Barros no 2010 ou Atl de Manuel Lourenzo González, premio Blanco Amor no 2011. Xesús Constela, sen desdeñar ningunha destas tradicións, ofrécenos con esta novela unha aposta certamente orixinal construída en dous tempos. Na primera parte introduce o lector na atmosfera dunha Patria de oreografía sinuosa acorde cos meandros morais que propón. Mamá Monte, a granda casa do Outeiro, a cova da Encantada ou o nome do xornal nacional, “A Gaceta do Val”, son algúns dos accidentes dunha Patria que se asenta no lombo dunha ave durmida. Este país non ten un referente concreto porque non se procura tanto a afinidade pola semellanza como a reflexión sobre a absurdidade de certos símbolos inherentes ao asentamento dunha nación cando collemos distancia suficiente como para non vernos reflectidos de xeito evidente. O efecto logrado con esta estratexia é unha das manifestacións dun dos mellores logros do libro: o xogo constante entre identificación e alleamento coa materia narrativa por parte do lector. O achegamento á trama tamén segue esta máxima. Na meirande parte das veces, tal e como acontece na nosa realidade, non coñemos os feitos pola narración directa senón a través da versión dos medios de comunicación. Por iso algúns dos narradores principais son os xornalistas da gaceta amentada e do programa radiofónico do 99.5 da FM, o que esixe unha multiplicación de lecturas por parte do receptor, habituado xa a ler entre liñas na información, pero máis aínda no ruído.

Contra a metade da novela introdúcese o argumento principal: o xuízo popular e institucional por parte dunha sociedade doente contra o monstro necesario, neste caso un enfermo mental. Tamén aquí se aplica a estratexia citada do alleamento do que o mellor exemplo é a frialdade coa que se describen de xeito científico os métodos de aplicación da pena de morte.

É esta unha novela sorprendente que só podería facela Xesús Constela. A técnica, o ritmo narrativo e a capacidade de construír universos ficticios indepentendes e cautivadores remiten ao mellor dun autor que sempre procura interpretacións que refugan o superficial sen caer na novela de tese, sen caer en maniqueísmos e sen renunciar á lectura gozosa. Unha aposta máis que recomendable para aqueles que gustan da literatura e foxen de eidos trillados.

Licenciada en Filoloxí­a Hispánica, (UDC, 1994-1998) e Filoloxí­a Galega (USC, 1998-2000), na actualidade, imparte aulas de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario.