“Cando creamos EnPEzas tíñamos claro que debía ser aquí no Porriño”

Alejandro Bacelo | Co-CEO e co-fundador da empresa EnPEzas

Fundada en 2019 e con sede no Polígono Industrial A Granxa (O Porriño), EnPEzas Edificación Modular é unha empresa pioneira neste sistema construtivo que permite acortar prazos e reducir a inversión económica apostando pola arquitectura ecolóxica e instalacións eficientes. Recentemente obtivo unha licitación para construír unha gardería 3D en Cantabria. Falamos co seu CEO e co-fundador Alejandro J. Bacelo.

Cando e como se orixina EnPEzas?
Este proxecto como tal naceu fai dous anos e seis meses, aínda que eu xa viña con esta idea dende fai catro ou cinco anos. Tras realizar un FP Superior en Vigo, acabei estudando aparelladores na Coruña compatibilizando o estudo co traballo en dúas empresas de construción industrializada. Toda vez, un punto de inflexión para levar a cabo a empresa foi cando o meu pai, que é construtor, sufriu un accidente e iso cambioume as perspectivas de querer facer algo diferente á construción tradicional, sempre con afán emprendedor e buscando as alternativas que ofrecía o mercado da madeira industrializada. Desa fusión entre a madeira industrializada e a visión da construción tradicional naceu EnPEzas.

Como foi impulsar este proxecto pioneiro, a primeira escola infantil en entramado lixeiro en 3D?
Este proxecto realmente saíu dunha licitación pública. Nós presentámonos á licitación e comentámoslle ao Concello de Polanco (Cantabria) sobre a posibilidade de facer a construción en 3D, aquí en fábrica, e trasladala en camións. Inicialmente estaba pensado para facer en 2D, en paneis directamente en parcela. Aceptaron e comezamos a facelo sabendo ó mesmo tempo que era un proxecto pioneiro, aínda que non agardamos que tiveran tanta publicidade.

Que vantaxes ten a edificación modular en entramado lixeiro?
As vantaxes son tres bloques principais. O primeiro é a calidade do producto. Nós estamos aquí nunha nave, con catro técnicos na oficina que permite ofrecer unha calidade moi alta do produto. O segundo bloque é o tema do custe, que é moito máis controlado aínda que se pense que este tipo de construción é máis barato, cousa que non sempre é así. O terceiro e último bloque sería o tema de tempos. Ao estar nunha nave non afecta en absoluto o tema da climatoloxía polo que podemos traballar por turnos, de luns a domingo, acortando así os tempos nun 200% respecto ao modelo tradicional.

Tes outros pedidos similares a nivel estatal e internacional?
Coa gardería en Cantabria logramos abrir mercado. Actualmente temos máis pedidos a nivel privado, principalmente en Galicia e estamos tentando abarcar tamén España. Noutros países, en principio non pero no noso plan de expansión de aquí a cinco anos sería Portugal.

É un selo distintivo da empresa apostar pola arquitectura de carácter ecolóxico?
Si. A construción tradicional leva moitos anos igual, estaba claro que había que darlle un novo impulso e buscar ese cliente esixente que está disposto a pagar máis por ter algo diferente. Cando fundamos EnPEzas consideramos que o tema ecolóxico e sostible tiña que ser unha referencia e estamos nesa liña.

Por exemplo, usamos pinturas hipoalerxénicas, consultando sempre aos nosos clientes por se teñen algún tipo de alerxias a algún produto, así como tamén verificar a silicona que utiliza o fontaneiro que ven a traballar aquí, entre outras cousas. Iso implica que temos que controlar absolutamente todo, cun maior traballo de oficina.

“En EnPEzas consideramos que o tema ecolóxico e sostible tiña que ser unha referencia”

Que outros proxectos leva a cabo EnPEzas?
Temos catro liñas de negocio principais. A primeira é o tema residencial, vivendas, que ocupa o 60%. Logo desenvolveremos proxectos a nivel vacacional, cabañas de aluguer turístico, temos pedidos para Redondela e A Coruña. Temos tamén o que denominamos a gama industrial a nivel de oficinas de empresa, que proximamente promoveremos a través das redes sociais. A última liña sería a comercial, como son os casos das garderías, centros de día e recreativos e calquera tipo de construción para uso público.

Con emprendementos como as de EnPEzas, podemos apostar con que O Porriño se converta nun centro tecnolóxico e industrial de envergadura a nivel nacional e internacional?
O Porriño ten moitas cousas positivas. Está moi ben comunicado, ten moitos espazos e servizos. Cando nós creamos EnPEzas tíñamos claro que tiña que ser aquí no Porriño polo feito de que somos de aquí pero tamén por razón de imaxe de crecemento, de accesos, de proximidade, a pesares de que podía ser máis económico ir ao Norte de Portugal. Unha mostra de esta aposta polo Porriño é que nós comprámoslle produtos a empresas do arredor e deste polígono industrial. E tamén apreciamos a aposta por parte do Concello do Porriño en axudas aos proxectos de emprendemento industrial que se desenvolven aquí.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.