O Cumio da OTAN de Madrid: ¿”nova etapa” ou máis do mesmo?

Expertos opinan sobre o futuro da Alianza Atlántica

Aldea Global | Madrid celebrará os vindeiros 29 e 30 de xuño o Cumio da OTAN nun contexto determinado pola guerra en Ucraína, a ameaza rusa e as posibilidades de ampliación da Alianza Atlántica. Consultamos con expertos con motivo da celebración deste cumio.

“O papel da OTAN segue a ser o mesmo; só mudou o seu modo de agresividade”

Óscar Valadares | Voceiro da Plataforma Galega contra a OTAN

Que iniciativas está impulsando a Plataforma contra a OTAN en Galicia?
A plataforma naceu este 2022 para socializar a caracterización da OTAN como unha alianza agresiva que persegue intereses imperialistas e para estabelecer unha serie de actividades de oposición ao cumio que vai celebrar en Madrid, que entendemos é tamén unha aposta do PSOE por continuar normalizando o papel da OTAN e á procura dun papel máis destacado para o estado español. Temos realizado palestras, mesas informativas nos campus universitarios, actos simbólicos, a celebración dunha contracimeira en chave antiimperialista e galega e, nos días previos á cimeira, unha grande mobilización que vaia ata Madrid esixindo a disolución da OTAN.

Guerra na Ucraína e Cumio da OTAN en Madrid. Estase redefinindo un novo papel para a Alianza Atlántica?
O papel da Alianza Atlántica non mudou desde a súa fundación: segue a ser un clube de Estados imperialistas, de carácter agresivo. O que ten mudado é o modo de exercer esa agresividade, pasando do confronto directo a un indirecto a través de proxies, con países que non se alinean co modelo de hexemonía que a propia OTAN trata de impór: arredor dos Estados Unidos e con algúns países destacados na Europa como comparsas privilexiadas. O papel da alianza, porén, continúa como estaba.

Cómo valora a axuda militar a Ucraína que brinda o goberno español?
Hai duas maneiras de avaliar isto. En primeiro lugar, o goberno español pretendía gañar protagonismo enviando esas armas e os equipamentos de combate que saíron de Ferrol e doutras bases para o Mar Negro e outros pontos. Demostrou así ser un aliado servil e funcional para Estados Unidos. Por outra banda, hai que avalialo tamén en relación ao que significa para o curso do propio conflito, que, neste momento, parece ser ben pouco. O único que está garantido e que organizacións declaradamente neonazistas están a ter acceso a equipamento de guerra. A valoración, polo tanto, non pode ser positiva.

“Putin revitalizou á OTAN”

Jesús A. Núñez Villaverde | Co-Director do Instituto de Estudios sobre Conflictos y Acción Humanitaria (IECAH)

Finlandia e Suecia anunciaron a súa intención de ingresar na OTAN toda vez Turquía exerceu o seu veto a esta ampliación. Estamos ante unha redefinición da Alianza Atlántica e unha posible nova orde xeopolítica global?
Necesariamente si porque o escenario está mudando dun xeito claro. Cos seus erros na guerra na Ucraína, Putin revitalizou á OTAN e colocouna no centro do escenario de cara ao cumio de Madrid cando algúns líderes (Macron, Trump) observaban o posible declive deste organismo. Que dous países non aliñados e neutrais como Suecia y Finlandia finalmente decidiran ingresar na Alianza Atlántica é unha sinal suficiente para considerar que Rusia non foi quen de atraer amistosamente a países a súa órbita, converténdose ó mesmo tempo nunha ameaza.

Como avalía a axuda militar española a Ucraína?
Non é comparable coas doutros países como EE.UU e Gran Bretaña. Incluso se medimos en termos de porcentaxe do PIB, os países bálticos están por diante de España. Considero que é un tema controvertido pero penso que España está facendo o correcto porque Ucraína precisa desa axuda, é un asunto incluso existencial. Con ese subministro de armas non só estamos defendendo a Ucraína senón a nós mesmos porque estamos convertendo a este país no “muro de contención” contra Putin.

Estamos ante unha inevitable carreira armamentística a nivel global?
Desgraciadamente xa é un feito. Estamos observando anuncios de gobernos de incrementar os seus orzamentos militares. Rusia ten 65.000 millones € en orzamento bélico mentres a Unión Europea ten 200.000 millones €. Por tanto, este é una dinámica moi difícil de parar.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.