Zona Franca actualiza a súa base de datos ARDÁN

Coas 20.000 maiores empresas de Galicia

Vigo | A información é fundamental para as decisións empresariais e o que se mide é susceptible de mellorar, así que o Consorcio da Zona Franca lanza un ano máis unha ferramenta única.

Cumprindo coa súa cita anual de facilitar a maior información económica, a Zona Franca pon hoxe ao dispor das persoas interesadas o novo produto ARDÁN “20.000 maiores empresas de Galicia” unha base de datos que ofrece información actualizada sobre empresas galegas de maior facturación no exercicio 2020.

O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca, David Regades, explicou que “é unha ferramenta fundamental para coñecer a realidade das empresas de Galicia. Con esta aplicación pódense realizar múltiples filtros sobre a mostra de empresas, ben sexa por nome da sociedade, datos económicos, sectoriais ou xeográficos personalizando todo tipo de información do mercado”. A base de datos tamén permite a selección de fichas de empresa e listaxes, con datos exportables a folla de cálculo.

Cada empresa conta cunha ficha propia cos seus datos de identificación (domicilio, código postal, teléfono, e-mail e web), pero tamén os datos da súa actividade como emprego, cifra de negocio, valor engadido, capital social, rendibilidade económica; así como outros atributos, coma se trátase dunha firma auditada, exportadora, se conta con certificacións de calidade ou ambientais.

Os datos económicos proceden dos depósitos das Contas Anuais (Balance, Conta de Resultados, Memoria e Informe de Xestión) nos Rexistros Mercantís das provincias galegas, o que achega seguridade e fiabilidade ao traballo realizado polo equipo do Servizo de Información ARDÁN de Zona Franca. O prezo da base de datos é de 99 euros.

O Consorcio presentará nos próximos meses o “Informe Económico e de Competitividade de Galicia 2022”. Con esta información e outros datos facilitados polas empresas sobre a evolución da economía galega será posible identificar as empresas que alcanzan os Indicadores ARDÁN deste ano, tan valorados polas compañías e que mostran a excelencia na xestión.