Presentado “A dama da noite”, sobre a angustia vital de Rosalía de Castro

Madrid | “La dama de las sombras”, unha biografía novelada sobre a angustia vital da poeta Rosalía de Castro, a versión ao castelán de “A dama da noite” realizada polo propio autor, o coruñés Xavier Seoane, e publicada por Reino de Cordelia, presentouse esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, na véspera do 180 aniversario do nacemento de Rosalía. No acto interviñeron, ademais do autor, o escritor e deputado Miguelanxo Fernán Vello, a escritora Mariña Mayoral, o editor Jesús Egido, o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, que o presidiu e clausurou, e o delegado da Xunta de Galicia e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López.

Ónega valorou que “escribiuse moito e ben sobre Rosalía, a nai das nosas letras, a matriarca que encheu de nostalxia, sentimento e estilo a poesía dunha terra onde naceu o sentimento e a alma, contada e cantada en poema”. “´La dama de las sombras´ de Xavier Seoane é un canto á verdade dunha muller, como Rosalía, que é mito e realidade, que é sombra pero tamén luz”, engadiu o delegado da Xunta sobre a novela presentada.

Egido sinalou que a obra “novela desde a agonía final de Rosalía a vida desta muller que se converteu nunha dos principais poetas do seu tempo e, por suposto, na escritora máis importante do romanticismo español”, incidindo na súa importancia, “máis que literaria, social” e en “a súa relevancia como muller, adiantada á súa época que soubo relacionarse de igual a igual cos homes, mostrando unha altura intelectual moi por encima da media”. “Niso, no seu personaxe social e humano, adiantouse con fartura á súa época”, mantivo.

A escritora lucense Mariña Mayoral apreciou que a pesar da abundante bibliografía que existe sobre Rosalía de Castro, aínda hai nela “espazos escuros, sobre todo no que se refire ao seu nacemento irregular, os seus primeiros anos de vida e a súa relación con Manuel Murguía”. “Xavier Seoane destaca con habilidade narrativa o que se sabe con certeza sobre Rosalía e dá unha visión convincente e atractiva do que puido suceder neses espazos en sombra. A imaxe de Rosalía que nos ofrece, rompendo tópicos tradicionais, é a dun personaxe complexo, rico en matices e de gran fondura psicolóxica”,valorou.

Fernán Vello, escritor, editor e deputado por Lugo, vinculou a Rosalía de Castro con Emily Dickinson, lembrando a súa contemporaneidad, que a primeira viviu de 1837 a 1885 e a segunda de 1830 a 1886, e afirmando que “as dúas son as máis grandes poetas, e non só poetas mulleres, do século XIX, de gran dimensión creativa no que concierne á lírica universal”. Celebrou a calidade coa que a editorial elaborou o libro e apreciou que se trata dunha novela de “sinais sensitivos” na que “a emoción está creada como unha sorte de primeira linguaxe para os lectores e para o narrador”.

Seoane explicou como xestou esta novela e a súa tradución así como a pluralidade de perspectivas dunha figura tan complexa como a de Rosalía de Castro: resaltou a súa preocupación social, referiuse a ela como “precursora do feminismo contemporáneo” e comentou os lugares nos que viviu e a paisaxe que reflectiu, de Compostela e Padrón.

“Rosalía é unha precursora da concepción social da arte do noso tempo e do feminismo contemporáneo”, afirmou o autor da novela.

Finalmente, Romay Beccaría resaltou, en referencia a Rosalía, o “feito prodixioso de que unha muller, por primeira vez, sexa o cume dun idioma, especialmente tendo en conta aquela Galicia e aquela España. Logrou que o galego espertase para sempre do seu ´longa noite de pedra´”. Afirmou que ninguén expresou mellor que Rosalía o sentimento dos galegos pola súa terra e que “labrou versos incorruptibles e obrou o milagre de que a lingua galega perdurase no corazón dos galegos”.

A novela, “de absoluta ficción pero rigorosamente documentada?, recibiu moi boas críticas, entre elas as do espazo “O ollo crítico”, de Radio Nacional de España. Nela, Rosalía de Castro, enferma, enfróntase aos últimos momentos da súa vida e brotan os seus recordos.

Xavier Seoane é natural da Coruña. Estudou Filoloxía Románica en Compostela e desde 1975 compaxina a creación literaria, a crítica de arte e a animación cultural. Como poeta, en “Don do horizonte”, de 1999, recompilou todos os seus libros de poesía escritos ata ese momento. Logo apareceron outros, como “Dársenas de ocaso”, co que obtivo o premio da Crítica Española, ou “Umbral de Vida”, premio Esquío 1996. En narrativa, é autor, entre outros textos, de “Abre la puerta al marE, publicado en Reino de Cordelia, e de “A dama da noite”, a novela presentada, que foi traducida por el mesmo ao castelán co título de “La dama de las sombras”. A obra poética de Xavier Seoane foi traducida a varios idiomas e figura en múltiples antoloxías de poesía galega actual.