Rehabilitada a cuberta da casa da cultura de Quiroga

Contou cunha axuda da Xunta de preto de 34.000 euros
Visita ás obras realizadas.

Quiroga | Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local, visitou xunto con Favier Fouz, delegado territorial da Xunta en Lugo e Julio Álvarez, alcalde de Quiroga, as obras de rehabilitación levadas a cabo na cuberta da casa da cultura do Concello, que contou cunha axuda de preto de 34.000 euros

Natalia Prieto explicou que debido á antigüidade da edificación, a cuberta presentaba un nivel grave de deterioro con filtracións no interior do edificio o que provocaba goteiras en case todas as dependencias da planta baixa e alta do edificio, de aí a necesidade do concello de levar a cabo esta obra nunhas dependencias onde se desenvolven moitas actividades lúdicas, educativas, deportivas e culturais deste concello lucense.

A directora xeral tamén visitou a parcela municipal na que se levarán a cabo as actuacións necesarias para a súa recuperación ambiental. No marco dun convenio co Concello que se aliña aos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, a Xunta destina case 75.000 euros destinados a resolver a degradación ambiental da finca e a súa posta en valor contribuíndo á rexeneración desta área para que sexa posible levar a cabo outras actuacións urbanísticas.

Os traballos inclúen o desbroce da parcela, a adecuación do terreo, a creación de camiños e tarefas de axardinamento, colocación de mobiliario, instalación de saneamento, fontanería e alumeado. A través do Fondo de Compensación Ambiental a Xunta colabora cos concellos en melloras ambientais coma estas cun investimento de 11 millóns de euros na convocatoria deste ano.

O Concello de Quiroga recibiu nos últimos anos case 754.000 euros das diferentes liñas de axudas da Vicepresidencia Primeira. Tanto a través da Orde de Infraestruturas de uso público, para o acondicionamento, urbanización e pavimentación da praza pública de Pacios de Mondelo; e mediante o Fondo de Compensación Ambiental, na mellora no abastecemento e reparación de estanques en núcleos de Quiroga e tamén contou cunha axuda para vixilancia ambiental e mellora dos abastecementos de augas e áreas recreativas co concello de Ribas de Sil.

Este concello foi galardoado co Premio Coopera no ano 2014, dotado con 12.500 euros, no marco do consorcio de Turismo Ribeira Sacra, xunto aos concellos de A Pobra de Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada (todos na provincia de Lugo); A Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Xunqueira de Espadanedo (na provincia de Ourense).