A Escola de Verán de Ribadumia recupera o seu ritmo

Alcanzando as cifras de asistencia dos anos previos á pandemia

Ribadumia | O Concello de Ribadumia valora positivamente a acollida que tivo a Escola de Verán que este ano conseguiu recuperar as cifras de asistencia dos anos anteriores á pandemia: mediante a incorporación das novas instalacións e espazos en Lois, que se uniron ás de Ribadumia para a realización das actividades, fíxose un redimensionamento da distribución dos grupos por idades co conseguinte aumento de monitores asignados aos grupos.

A pesar de que no ano 2020 o a Escola de Verán tivo que reducir os seus aforos notablemente a causa do COVID, un ano máis, nenos en idade de cursar Infantil e Primaria desfrutaron dende o 23 de xuño e ata o comezo do curso escolar, das actividades que o Concello de Ribadumia organizou para o seu tempo libre.

Estas actividades, pensadas para a axuda da conciliación familiar e consideradas como unha ferramenta necesaria para a vida en sociedade, educan en valores ás futuras xeracións mediante distintas temáticas. Este ano, as actividades foron agrupadas en varios bloques adicados á ilustración (con actividades de creación de prensa, contos ou cómics), ó teatro (coa creación de títeres marionetas e interpretacións teatrais), ó medio ambiente e recuperación do entorno (con actividades para combater a avespa asiática, mantemento e limpeza da contorna e obradoiros de reciclaxe con saídas externas) e ás olimpíadas (a través de xogos e competicións).

Ademais, coincidindo co inicio da Escola de Verán e coa celebración da Semana da Diversidade, tamén se realizaron nas últimas semanas de xuño obradoiros de respecto á diversidade sexual.

Os participantes realizaron xogos e actividades que, de xeito educativo, creativo e lúdico, contribúen ó espertar dos valores, á estimulación da curiosidade e á creatividade e ó respecto na convivencia e no medio natural.

Ademais, para combater a calor gozaron de dous días á semana na piscina municipal, tiveron actividades grupais ó aire libre e outras realizadas por empresas externas que contribuíron a completar un programa de actividades variado e enriquecedor. Agárdase que as vindeiras edicións conten cunha participación similar, fomentando a conciliación familiar e o entretemento dos nenos e nenas participantes.