Medallas olímpicas galegas.

Galicia acadou nas Olimpiadas de Tokio catro medallas en probas non colectivas (dúas pratas-unha delas con dous agasallados- e dous bronces). Se lle engadimos a nosa participación nas medallas do balonmán e fútbol as nosas deportistas remataron a nosa mellor participación nacional nuns Xogos Olímpicos, só comparábel coas catro medallas individuais (dúas de ouro) da capital chinesa de Beijing no 2008.

“Galicia acadou nas Olimpiadas de Tokio catro medallas en probas non colectivas”

Mais aí rematan as semellanzas. Porque a xestión do deporte galego, o traballo da Xunta de Galicia a prol de resultados no deporte de elite, o labor no deporte femenino e no deporte para todos non ten comparanza ningunha co intelixente e axeitado traballo desenvolvido entre 2005 e 2009 pola Administración deportiva galega durante o goberno de coalición BNG-PSdeG.

Daquela a conselleira nacionalista Anxela Bugallo e os directores xerais Santi Domínguez e Marta Souto estruturaron e desenvolveron o concepto “deporte galego”, antes inexistente ou reducido ás nosas equipas de fútbol e basket profesionais, promovendo aos nosos deportistas de elite (cómpre lembrar, nomeadamente os casos do piragüismo, vela e triathlon) e dándolle un amplísimo pulo ao deporte feminino, coa colaboración do vicepresidente Anxo Quintana e da secretaria xeral Carme Adán.

Foron tamén os anos da recreación da nosa selección nacional de fútbol e da promoción dunha equipa profesional de ciclismo, canda o pulo e acompañamento constante do deporte paralímpico.

O Goberno Feijóo (case sempre con José Ramón Lete á fronte da Administración deportiva galega) seguiu unha estratexia liquidacionista do labor desenvolvida polo BNG no deporte galego, como en tantos outros eidos. Abandonouse o Centro de Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra e priorizouse na política de promoción das Federacións Deportivas Galegas a docilidade política.

“O Goberno Feijóo (…) seguiu unha estratexia liquidacionista do labor desenvolvida polo BNG no deporte galego”

Ignorouse, tamén, o que tiña de ser o noso think tank deportivo, a Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte da UDC.

Malia esta política deportiva da prevención e sospeita políticas, da pasividade e do desleixo a sociedade civil galega, as redes sociais, a prensa dixital e en papel ( quer cabeceiras históricas, quer medios máis recentes) e máis a Radio Galega e a TVG souberon priorizar o feito deportivo galego nestas Olimpíadas. E este feito, inédito e histórico, conecta coa idea da existencia dun País de noso e, sobre todo, conecta coa idea da existencia dun deporte galego.

Peleteiro, Portela, Nico Rodríguez, Arévalo, Germade; Corrales e Villar…moitas grazas por tanto que nos destes e polo que habedes dar no futuro.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.