“Os meus esforzos están destinados a reactivar a vida do partido”

Belén Villar | Voceira do PP de Ponteareas

Ponteareas | Belén Villar, de Ribadetea (Ponteareas), é licenciada en Económicas pola Universidade de Vigo, exerce como directora financeira dende o ano 2008. Foi concelleira de Facenda dende 2011 a 2015. No ano 2018 asumiu a presidencia do PP de Ponteareas. Actualmente é concelleira.

Dende o 2018 que pasaches a presidir ao PP local como ves a evolución do voso Partido?
Non foi tarefa doada. As renovacións nunca gustan a todos, tiven que incorporar novas caras e tomar decisións moi difíciles. O auxe de formacións políticas como Cidadáns ou Vox fixeron que os meus esforzos se dirixiran en unir ao partido e reactivar a súa actividade que estaba mermada nos últimos anos. O contacto permanente cos simpatizantes e ter un proxecto para Ponteareas foron os meus primeiros pasos e creo que estamos no bo camiño.

Un tema recurrente da Oposición está sendo a cuestión do que lle custa aos cidadáns o novo Goberno Local. Dende o Goberno aseguran que non houbo eses aumentos que denunciades. Como te defendes?
Non teño que defenderme. Só invito aos cidadáns a que consulten os documentos públicos do BOP no que están publicados os salarios. En comparación ao custo de 2014, o gasto actual do Goberno supón unha suba do 94%. Para gobernar o mesmo concello que hai 6 anos, agora hai máis dedicacións e ampliaron os salarios que perciben tanto a alcaldesa como os concelleiros e os grupos políticos. É o custo que supón ter un Goberno Bipartito no que BNG e PSOE queren ter as mesmas condicións e non rebaixar os seus intereses. Cando Goberna un único partido eses gastos recórtanse, o mesmo sucede no Goberno da Nación, é o máis custoso e o que máis ministerios ten, debido ao reparto PSOE-PODEMOS.

“Para gobernar o mesmo concello que hai 6 anos, agora hai máis dedicacións e ampliaron os salarios que perciben tanto a alcaldesa como os concelleiros e os grupos políticos”

A nova alcaldesa Cristina Fernández Davila asegurou ao noso medio que “o Concello non ten débedas” e que “as contas están saneadas”. Como analizades este asunto dende a Oposición?
A falta de liquidez non a denuncia o PP. O denuncia a Tesoureira do Concello porque emite informes que chaman á responsabilidade no gasto, informa de que estamos en números vermellos. O denuncian os traballadores que seguen ser percibir os seus aumentos salariais e complementos con anos de atrasos. O recoñece o propio Goberno bipartito que ven este mes de firmar outra solicitude de préstamo por valor de 1,17 millóns de euros cun banco o que supón xa un endebedamento de 5 millóns de euros a abonar en 15 anos. Se as contas están saneadas non estarían pedindo cartos todos os días ás administracións e aos bancos.

Por que o PP de Ponteareas se abstivo de votar o PXOM? Como valora as dificultades de construción no rural en favor das zonas urbanas?
Nos abstivemos por responsabilidade, o PXOM é necesario, Ponteareas non pode agardar máis. Só no caso do derribo de Eroski estamos a falar da vida e do futuro de moitas familias que estaban a esperar esta aprobación e rectificación dende hai anos. Este documento foi redactado e aprobado inicialmente polo noso partido pero o bipartito decidiu facer cambios que non nos gustan. Eliminaron as vivendas de protección oficial, coartaron o crecemento do rural, non permitindo construír en moitas parcelas que eran edificables, non desenvolven o Plan Parcial de A Lomba, todo elo motivos suficientes para non apoiar o documento cun voto favorable. Non obstante, a nosa responsabilidade é que o documento siga adiante, polo interese xeral dos nosos veciños, pero polo exposto anteriormente non podemos amosar a nosa conformidade total ao documento, xa que estaríamos traizoando o noso sentir e o noso compromiso co rural e co noso pobo.

Belén Villar con deputados estatais do PP, encabezados por Ana Pastor (centro), nun encontro en Ponteareas.

“Nos abstivemos por responsabilidade, o PXOM é necesario, Ponteareas non pode agardar máis”

Ademais, no caso do crecemento do rural, que o aniquilan, moitos particulares que recibiron licencia de construción para vivendas unifamiliares nos últimos dous anos van quedar fora de ordenación, polo que coa aprobación deste documento quedan nunha situación de inseguridade urbanística total.

Auditorio Municipal. O goberno actual acusa da súa deficiencia a gobernos anteriores; a Oposición ao goberno actual; cal é a situación real deste tema?
Pois iso nos gustaría saber. Primeiro botáronlle a culpa ao PP, que foi o partido que construíu esa infraestrutura hai máis de 10 anos. Cando dende o PP comezamos a solicitar informes de mantementos, de traballos básicos realizados e de cando comezaron os desperfectos parece que o Goberno bipartito quedou mudo. Non esquezamos que antes de estralar a pandemia, neste auditorio víñanse celebrando con frecuencia actividades de cine para nenos, actos políticos e propios do Concello. Se a situación é tan grave como denunciaron dende o BNG, dende logo foi unha irresponsabilidade autorizar o uso desta instalación. Estamos á espera de que alguén nos informe pero polo momento non recibimos máis que silencio.

Finalmente, lle damos espazo para que envíe unha mensaxe á cidadanía ponteareán.
A Covid-19 mudou a nosa forma de vivir e pensar e por iso debemos coidarnos e ter claro que a responsabilidade individual é a única que vai loitar con esta enfermidade.
Por outra banda non quero desaproveitar a ocasión para por en valor o traballo que os meus compañeiros e máis eu estamos a facer dende a difícil posición de oposición. Solicitando á Xunta de Galicia reformas e ampliación de persoal no Centro de Saúde, reformas nos centros educativos como o CEIP Fermín Bouza Brey, a declaración de ARI do noso Núcleo Urbano, a colaboración na ampliación da EDAR municipal ou no Saneamento de Ribadetea. Gustaríanos que a Deputación e o Concello de Ponteareas tiveran o mesmo grado de implicación que a administración autonómica está a ter co noso pobo, só así remando na mesma dirección faremos un Ponteareas máis próspero.
Por último invito aos nosos veciños a que fagan unha reflexión sobre o que merece Ponteareas, a que estuden o noso proxecto e que se sumen ao mesmo. Somos do PP pero primeiramente somos de Ponteareas, no noso camiño todos teñen cabida se o interese final é rexurdir esta vila, a Vila do Cor.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»