As novidades editoriais achegaronse a Ponteareas

Coa V Feira do Libro do 15 ao 18 de xullo

Ponteareas | As principais novidades editoriais chegaron a Ponteareas da man da V Feira do Libro organizada pola Concellería de Cultura na Praza Maior entre o 15 e 18 de xullo.

Cun total de seis stands, sendo estes o da Deputación de Pontevedra e librarías de prestixio como A Pedreira, Cortizas, Terra, Ledo e Mil Follas, a veciñanza de Ponteareas tivo a oportunidade de coñecer as novidades editoriais tanto en galego e castelán, nunha iniciativa impulsada dende a Concellería de Cultura de Ponteareas dirixida por Fernando Groba, e no marco da Feiras de Libros que percorren anualmente a nosa Comunidade.

As altas temperaturas estivais animaron aos ponteareáns a achegarse á Praza Maior para observar as novidades editoriais. Neste sentido, Manrique Fernández, colaborador co Concello de Ponteareas na organización desta feira, indicou que esta V edición contou cun “programa interesante, con contacontos, presentación de libros” e a importancia que supón que “a metade da xente que vai participar é de Ponteareas”.

Unha ollada pola feira permitiu departir impresións cos libreiros presentes. Neste sentido, da libraría “Pedreira” de Santiago de Compostela destacaron a receptividade dos veciños de Ponteareas, tomando en conta que “houbo moita xente” na inauguración o 15 de xullo e que a feira desenvolveuse “cun programa moi ben feito”.

Pola súa banda, da Librería Cortizo, orixinaria da localidade pontevedresa de Forcarei, destacaron o interese do público no libro “La Vida Secreta” de Arantxa Portabales, un libro de intriga que foi o mais demandado polos asiduos desta feira. Tamén destacou a presenza de libros sobre Xela Arias, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021, así como “a moda da novela negra e dos libros infantís, moi ben editados e ilustrados”.

Da librería Mil Follas de Ponteareas destacaron igualmente que esta feira do libro estivo “moi ben organizada, coa xente animada” para coñecer as novidades editoriais.
Co foco no público infantil, a Feira do Libro de Ponteareas contou con obradoiros, contacontos e actividades de animación coas que os nenos e nenas puideron achegarse á lectura e á literatura dun xeito diferente e divertido. Tamén destacou a presentación e sinatura de 22 obras literarias durante estes catro días de feira.

Esta V Feira do Libro de Ponteareas tamén acolleu o concurso ‘Remata o conto…’, unha iniciativa da Concellería de Cultura en colaboración con Centro Comercial Aberto Banastra, coa finalidade de fomentar a escritura en galego.

Igualmente, establecéronse concursos e premios dunha tableta dixital e lotes de libros valorados en 75 e 50 euros.