Viviremos nunha pre-dictadura?

Non se asusten polo titular que só tenta chamar a súa atención, como, por outra parte, é o normal. Cando falamos de pre-dictadura queremos situar ao lector naqueles tempos en que se coceu o Golpe de Estado do 1936. Do que saben ou non saben as xeracións posteriores aos tempos a ese fatídico feito lamentable, política e socialmente falando. Como é claro e notorio a ignorancia desta parte da nosa Historia e realmente preocupante.

A nós , aos máis vellos do lugar, metéronnos nas mans unhas enciclopedias de Ruiz ou de Álvarez que nos ilustraban con todo tipo de detalles de quen foron os bárbaros do norte, dicíase daquela; as fazañas do Cid Campeador, os Reis Godos,…Lémbranse daquilo de  “Ya lo dijo Chisdanvinto, Recesvinto y Faraón, si quieres beber buen vino tinto has de hacerlo en el porrón”. Todo moi divertido; o importante era que non nos decatásemos de nada; de nada do que realmente ocorreu, claro. E vive Deus que o conseguiron. Algúns, os máis curiosos, comezamos atando cabos cando xa tiñamos máis de vinte anos e, como no meu caso, cunha carreira rematada. É triste confesar isto, pero é a puta realidade.

Algúns, entre os que me atopo, non nos conformamos co menú oficial e comezamos a buscar outros ingredientes que foran máis satisfactorios. Así chegamos, despois de moitos anos de  gastar moitos cartos e tempo, de lecturas variadas para contrastar opinións a onde hoxe estamos. Preocupados polo que ocorreu, porque aquela mala semente non desapareceu.  Aquí se cumpre o principio da física:” nada se crea ni  se destrúe, soamente se transforma”. Efectivamente, nada desapareceu, soamente se vestiu con novos roupaxes para aparentar un aggiornamento inexistente.

“Algúns, entre os que me atopo, non nos conformamos co menú oficial e comezamos a buscar outros ingredientes que foran máis satisfactorios”

Por iso, hoxe, cando asistimos ao labor da Oposición ao goberno actual veñen a nosa memoria o labor de acoso e derribo que os monárquicos de Alfonso XIII fixeron contra a República democrática recentemente constituída. Para eles era ilegal, inaceptable, comunista que pretendía  a instituír o comunismo en España, etc. etc. Moi parecido ao que nestes momentos escoitamos no Parlamento, nos foros sociais, nas redes, nunha serie de xornais  da dereita máis cavernícola que traballan, como dirían os latinos “pro domo sua”.

O argumento é case calcado. Máis cargado ao bombo co tema feminista pero, practicamente, idéntico no fondo.

Chegados a este punto poderíamos pensar que unha sociedade sa e forte; ben asentada en principios democráticos e nunha posición clara na  defensa dos valores dos individuos e das institucións, non tería ningunha razón para estar preocupada. O problema é que esa sociedade nestes momentos non existe, non é a que desfrutamos, mellor sufrimos.

Podemos comprobar cada día como ese virus destrutivo, que os políticos representativos e correspondentes con aquela sociedade feudal, monárquica e atrasada da pre-dictadura, está infectando os bancos do Parlamento, os Gobernos Autonómicos e os concellos. A súa baba destrutiva, cal serpente velenosa, expándese ao largo e ancho desta pel de touro.

“Podemos comprobar cada día como ese virus destrutivo, que os políticos representativos e correspondentes con aquela sociedade feudal, monárquica e atrasada da pre-dictadura, está infectando os bancos do Parlamento, os Gobernos Autonómicos e os concellos”

Pero, se isto non fora suficientemente preocupante, aínda padecemos outra enfermidade máis grave: a ignorancia total e absoluta da maior parte da poboación do Estado Español.

Nestes momentos estamos asistindo a unha invasión no eido do ensino por parte de pais e nais que, manipulados por forzas de destrución masiva, sosteñen sobre as cabezas dos ensinantes unha espada de Damocles en forma de denuncia se estes/as se atreveran, que non é o caso, a informar ao alumnado o que realmente ocorreu no Estado Español nos últimos cen anos; por fixar unha data asumible no tempo, porque poderiamos ir aínda algo máis atrás para dar coas raigames das árbores pezoñentas que se foron nacendo e  crecendo ao longo dos séculos XIX, XX  e parte do XXI.

“Preguntamos inocentemente: que saben os nosos mozos e mozas (e os xa non tan mozos nin mozas) de como se fraguou a Ditadura?”

Preguntamos inocentemente: que saben os nosos mozos e mozas (e os xa non tan mozos nin mozas) de como se fraguou a Ditadura? Que saben de quen puxo os cartos enriba da mesa para que Franco, utilizado como militar avezado,   encabezara aquela sublevación contra a República; que saben das relacións existentes entre o goberno de Franco e Italia ou Alemaña? Coñecen, acaso, aos alemáns fuxidos despois da 1º Guerra Mundial que foron acollidos polo franquismo? Saben quen son os descendentes daqueles homes que hoxe dirixen empresas do IBEX-35? Teñen idea de quen foi e que fixo  Juan March, o da banca do mesmo nome, dono de media Illa de Menorca? Saben por que Franco non entrou na 2ª Guerra Mundial? Saben a que países lles interesaba que se mantivera neutral?

En fin, son tantas as cousas ocorridas nesta pel de touro tan golpeada polos políticos profesionais, empresarios corruptos, que non se metían en política, tal como Franco lles aconsellaba, e se dedicaron a espoliar os recursos do territorio en beneficio propio. Saben como se constituíron os embalses en todos os rios do Estado? Saben que facían cos presos políticos aos que contrataban, é un dicir, para traballar nas obras das empresas antes citadas? Canto lles pagaban? Como vivían?

Como non saben nada disto; como ninguén llo  explica, so pena de ser excomungado, hoxe atopámonos nunha seria situación que ninguén sabería dicir a onda nos vai levar.
Os partidos chamados da Oposición están facendo política arredor do Parlamento; esperando a que a figueira deixe caer os mellores figos. Pouco lles importa se esa figueira están sendo regada por augas infectadas que dentro de pouco van contaminar aos figos.

Pero non importa. O que importa e o que ocorre aquí e agora. O futuro xa deus dirá. Desgraciadamente, ese deus, de existir, debe ter moito traballo con outras cousas porque está deixando facer, correr a bola,  porque sempre haberá algún arrepentido que volve ao curral.

“E namentres, millóns de cidadáns abocados ao paro, a vivir como mendigos, a depender dos comedores sociais”

E namentres, millóns de cidadáns abocados ao paro, a vivir como mendigos, a depender dos comedores sociais, o ter que “venderse” como empregados sen cualificar cando moitos deles teñen as costas miles e miles de horas de estudio e carreiras universitarias.

Por que non se rebelan? É o titulo dun libro de Sami Naïr referido ao mundo árabe, aínda que nestes momentos creo que poderiamos aplicalo a mocidade española perfectamente.

Nese país houbo, como todos ou polo menos algúns, sabemos, resultados terribles: persecucións, prisión, mortes, … Pero a pregunta é: que podían facer? Que poden facer hoxe en España os miles de mozos e mozas que estamos vendo nos botellóns que tanto se denigra pero aos que ninguén lle ofrece alternativas. Seguro que se eses rapaces e rapazas tiveran que erguerse pola mañá cedo, coller un autobús ou o seu propio coche e dirixirse a un posto de traballo digno, non serian carne de canón para os que só saben denigralos, estigmatizalos, pero non saben ou non queren darlle solucións a súa denigrante situación.

Como dicía Tip e Coll, na próxima entrega falaremos do goberno. Sexan felices e desfruten do verán se poden facelo.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»