A Guarda presentou a I Mostra Creativa do Baixo Miño

En colaboración con Acontravento, marca de roupa local

A Guarda | Esta iniciativa pretende impulsar e dar visibilidade a gran cantidade de marcas e talentos creativos que temos na nosa localidade, pero tamén en todo o Baixo Miño.

A Mostra ten como obxectivos o apoio do talento creador da nosa comarca e o fomento do consumo responsable e de proximidade, ao mesmo tempo que se propicia un lugar de encontro que permita a cooperación e colaboración entre as persoas responsables dos diferentes proxectos que participen na Mostra.

Daniel Macua, responsable de Acontravento, explicou que “O obxectivo é visibilizar a gran cantidade de marcas e talentos creativos que temos na nosa comarca, xa sexan de artesanía ou en formas máis modernas de expresión.

Gustaríanos que esta iniciativa poida consolidarse coma un evento de periodicidade anual e de referencia onde mostrar o gran talento que temos no Baixo Miño. Invitamos a todas aquelas interesadas en dar a coñecer o seu proxecto a escribirnos”. Fátima Rodríguez, Concelleira de Desenvolvemento Local, puxo o foco na “importancia de apoiar este tipo de iniciativas de cara non só aos/ás profesionais, senón tamén cara ao/á consumidor/a.

Moitas destas persoas venden os seus produtos a través de Internet ou doutros negocios da nosa comarca, e estas iniciativas permítennos dar a coñecer os proxectos máis de cerca, quen está detrás e a súa historia, algo moi importante no fomento do consumo responsable e de proximidade.”

Poderán participar na mostra, de xeito gratuíto, todas aquelas persoas deseñadoras, marcas ou artesáns que teñan a súa sede social no Baixo Miño.

A convocatoria de solicitude de participación estará aberta ata o xoves 29 de xullo, e para facela efectiva deberá enviarse por correo electrónico a ficha de inscrición, fotografías e o logotipo do proxecto ao enderezo info@acontravento.gal.

Presentación do libro “Páxinas da Guarda”
Por outra banda, este xoves día 22 de xullo ás 20:00h a Casa dos Alonso acolle a presentación do Libro “Páxinas da Guarda”.

Este libro nace durante o confinamento coa idea de facer un libro que abarcase a historia da Guarda e da Comarca, recopilando aqueles artigos de Antonio Martínez, Celso Fariñas e José Ángel Gándara que se publicaron nos distintos libros de festas locais de diferentes municipios do Baixo Miño.

Procedeuse ao escaneado deses artigos publicados ao longo dos anos, para amosalos nesta publicación que está realizada a proposta de Infomaxe, baixo o patrocinio do Concello da Guarda. Para asistir ao acto de presentación é preciso unha inscrición previa a través do correo electrónico centrocultural@aguarda.es.