PP Ponteareas fará campaña informativa sobre a subida salarial do bipartito

Considera que nos últimos dous anos este aumento incrementouse nun 95%
Belén Villar, voceira do PP de Ponteareas.

Ponteareas/PPdeG | O Grupo Municipal do PP sae ao paso das acusacións de BNG-PSOE, que tacha de mentira a subida do custo do Goberno, cunha pequena campaña informativa con datos oficiais publicados pola administración.

“Son o Goberno máis caro da democracia de Ponteareas e só nos últimos dous anos incrementouse nun 95% o custo que supón o Goberno aos cidadáns”

“Aínda que son datos públicos parece que o bipartito ten ganas de darlle a volta á tortilla. Teñen que asumir as súas decisións. Son o Goberno máis caro da democracia de Ponteareas e só nos últimos dous anos incrementouse nun 95% o custo que supón o Goberno aos cidadáns de Ponteareas, de 186.000 euros en 2014 pasamos a 364.000 euros”, explican os populares.

O Grupo Municipal do PP resolve así este debate e chama ao bipartito para reflexionar sobre a necesariedade desta subida salarial e ampliación de dedicacións, tendo en conta que funcionarios do consistorio están á espera de percibir atrasos nas súas nóminas e complementos que non lle foron abonados.

Por outra banda o PP tamén lles lembra que foi en 2016 cando o Concello de Ponteareas, tras o plan de axuste impulsado polo PP, saneou as súas contas. “Isto non quere dicir que se poida malgastar. Hai que ser responsables co diñeiro público e desde logo o bipartito xa deu mostras de non selo. Esperamos que recapaciten e que o próximo ano fagan unha baixada xeneralizada deste custo”.