Os concellos do programa “Tecendo Lazos” abrirán en setembro o prazo de inscrición

A iniciativa da Deputación, dirixida a persoas de entre 6 e 99 anos, busca acadar estratexias para o encontro, a sensibilización e o intercambio de aprendizaxes e valores entre xeracións

Pontevedra | O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a relación dos 34 concellos adheridos este ano ao programa da Deputación de Pontevedra “Tecendo Lazos”, unha iniciativa que se desenvolve por cuarto ano consecutivo e que está dirixida a persoas de todas as xeracións, co obxectivo de crear espazos onde as persoas dunha mesma familia e doutras poidan xuntarse e intercambiar experiencias arredor das temáticas dos obradoiros ofertados. O programa busca tamén promover valores que creen lazos afectivos entre as persoas participantes, así como facilitar un envellecemento activo ás persoas maiores e, no caso dos máis pequenos e pequenas, que adquiran habilidades novas e empatía cara a outras xeracións.

A relación dos adheridos publicouse hoxe no BOPPO e agora os concellos deberán abrir o prazo de inscrición nun máximo de dez días hábiles

“Tecendo Lazos 2019”, dirixido a persoas que teñan entre 6 e 99 anos e no que a Deputación inviste nesta edición 60.000 euros, chegará así aos concellos de Poio, Ponte Caldelas, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, A Lama, Vilaboa, Valga, Barro, Portas, Moraña, Gondomar, Vila de Cruces, Forcarei, Bueu, A Illa de Arousa, Soutomaior, Fornelos de Montes, Campo Lameiro, A Guarda, Pontecesures, Salceda de Caselas, A Cañiza, Caldas de Reis, Moaña, Cuntis, Covelo, Meis, Rodeiro, O Rosal, Baiona, Silleda, Ribadumia e O Porriño.

Coa publicación do anuncio no BOPPO, os concellos dispoñen agora dun prazo de dez días hábiles contados a partir deste xoves para abrir o prazo de inscrición nos distintos obradoiros ofertados, co que se prevé que o trámite se leve a cabo a primeiros de setembro. As persoas participantes deberán cubrir o formulario de solicitude que poderán obter no seu concello o na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal). Do mesmo xeito, a relación de concellos e a temática do obradoiro escollida por estes figura na páxina web corporativa da institución provincial: www.depo.gal.

No que respecta aos obradoiros, o máis solicitado, cun total de 11 peticións, é “Risos en familia”, que busca crear un espazo no que as persoas participantes aprendan a rir en contornas familiares. Pola súa banda, a acción “Faino ti”, que é un taller de expresión plástica e traballo manual con obxectos reciclados e reutilizados, foi aprobado para 10 concellos. No caso de “Xogos e xoguetes tradicionais”, concedeuse a un total de 8 concellos e nel, as persoas participantes non só compartirán xogos tradicionais cos que xogaban as máis maiores, senón que deberán construílos e ao contrario: as cativas e cativos tamén lle poderán ensinar ás xeracións maiores os xoguetes cos que xogan agora. Por último, 6 concellos da provincia impartirán o obradoiro “O noso son: bailes de agora e de sempre”, que traerá á actualidade os bailes e cancións típicas da zona.

Ao igual que na pasada edición, os obradoiros contarán co módulo “A historia do meu concello” no que se darán a coñecer lendas, historias, contos ou fotografías de cada concello para promover a transmisión de coñecementos, por unha banda, e a participación conxunta, pola outra. As persoas participantes de cada obradoiro elaborarán un proxecto final no que plasmarán todo o que aprenderon sobre a súa vila. Poderán ser en formato dossier, vídeo, audio ou maqueta/mural. Das 16 horas de duración dos obradoiros, dedicaránselle a este módulo un mínimo de 4. A Deputación organizará un concurso entre todos estes traballos e as persoas que elaboren o gañador recibirán un agasallo institucional e 50 copias da súa obra.

O pasado ano 2018 realizáronse un total de 21 obradoiros, nos que participaron preto de catrocentas persoas, cunha media de 18 alumnos e alumnas en cada uno.